21 de marzo. Día mundial da poesía [contra confinamento]

Poesía sonora colectiva / Poesía contra coronavirus / Poesía contra confinamento / Poesía contra silencio / Poesía contra barbarie / Poesía contra fuxida / Poesía contra distancia / Poesía contra medo / O equipo que constrúe a sección virtual do festival Alguén que respira!, o Respira! Web, celebra o Día Mundial da Poesía co maior fondo de poesía sonora que existe nunha páxina en Galicia. Faino nunha situación excepcional para estar más perto nun momento en que semella impensable aproximarse. Perto para apoiarnos e acompañarnos mutuamente. O Respira! Web é unha forma de axudarnos e de afrontar a perplexidade cando os valores da democracia, da cultura e da convivencia están ameazadas por unha emerxencia sanitaria sen precedente na historia. Aquí atoparades poesía para un tempo de emerxencia, pero tamén poesía para a resistencia. Neste 21 de marzo, dámosvos a voz e seguimos apostando por unha programación cultural que manteña aberta a nosa crenza na liberdade. Un día para reunirnos todas e todos arredor da voz que nos sigue impulsando, para experimentar esa enerxía transformadora das ideas que a palabra aglutina.