Regueifa para celebrar a poesía no día más longo do ano co festival Alguén que respira!

O tránsito popular das rúas de Compostela e o Teatro Principal –un dos primeiros espazos de exhibición con propiedade pública que houbo no país– únense este luns día 21 de xuño para celebrar o solsticio de verán co festival Alguén que respira!, o gran acontecemento poético que cada ano se celebra en Galicia. Nas rúas será onde comece, a media tarde, o programa de regueifas, onde participan Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto, catro dos máis celebrados representantes do xénero ao que lle tributa homenaxe o festival como recoñecemento na súa contribución á poesía oral galega. Os regueifeiros, por parellas, farán un percorrido por catro prazas da cidade ata reunirse diante do Teatro Principal pouco antes de que comece a actuación [20,30 horas] do poeta e performer portugués Miguel Azguime.

Nesta cuarta edición, o festival celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– o festival inaugurouse cun recital titulado + ou – 21 [anos], en referencia á idade media dos poetas que integran o programa, e contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. Os días 21 de setembro e 21 de decembro terán lugar os próximos programas, que se articularán de acordo cos protocolos sanitarios de cada momento segundo o estadio do covid-19.