O esperado recital de Chus Pato

Entre as poetas que participan o día 21 en O ruído do lume, sen dúbida Chus Pato (Ourense, 1955) é unha das mais esperadas. Para o respira! preparou un recital moi especial, que sorprenderá á asistencia. Entre 1991 e 2019, Chus Pato publicou once poemarios, entre eles m-Talá (2000), considerado un libro fundamental na renovación discursiva do seu tempo. A súa audaz obra foi traducida a varios idiomas e recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. É a primeira poeta galega convidada a deixar a súa voz gravada na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Recentemente publicou en castelán a súa Poesía reunida (voluménes I-II) e acaba de aparecer a edición crítica de m-Talá da man de Carlos Lema. O seu último poemario (2019) leva por título Un libre favor.