A poesía de Ana Romaní, a de Francisco Cortegoso, Lorena Souto, Carlos Callón ou Lois Pereiro son algunhas da inspiracións para o recital que este sábado día 20 de marzo, a partir das 21,30 horas, presenta no festival Alguén que respira! o heterodoxo Projecto Mourente [alcume baixo que traballa Carlos Valcárcel]. O recital é un encargo do propio festival que el desenvolve na fusión de ritmos e latitudes onde non faltan o beats discotequeiros e que lle dan sempre aos traballos de Mourente o seu particular selo. Carlos Valcárcel é profesor e investigador na Universidade de Vigo. Desenvolve a maior parte do seu labor na Facultade de Educación do campus de Pontevedra, onde ensina didáctica das linguas segundas e estranxeiras. Nos últimos anos, Valcárcel participou en proxectos de moi diverso tipo, desde a xeración automática de texto até a cooperación con Latinoamérica para fomentar o traballo colaborativo, pasando pola elaboración de diccionarios electrónicos multilingües.
Projecto Mourente é o pasatempo musical que este profesor inicia en 2006 co apoio do netlabel compostelán A Regueifa. O obxectivo, ademais da pura diversión, é usar tecnoloxías dixitais domésticas (computadores persoais, tabletas e teléfonos móbeis) para producir música. O resultado é xa unha longa lista de cancións de pop electrónico de sabor sinxelo e caseiro. Ademáis de tres álbumes (Baixo os eucaliptos de 2006, Kara.o.ke de 2008 e A Pior de 2012), o Projecto Mourente publicou diferentes sinxelos, así como remesturas de temas doutros grupos afíns como Fanny e Alexander (Compostela), Carrero Bianco (Ferrol) ou Aamigafea (Vigo/Colonia). Ademais, Valcárcel compuxo as cancións do musical infantil Iesi Cebola contra a doutora Rabia Raiña de Xabier Picallo (2004) e participou co grupo The Homens no programa Detrás da canción, con obradoiros e concertos dirixidos á rapazada de diferentes vilas galegas.
Este sábado é 18. O 20 é o luns.
Cal é a data válida? Gracias
Bo día,
O Proxecto Mourente é do programa do ano pasado. Podes ver a programación deste ano na web.