
O poeta irlandés Simon O’Faoláin será un dos convidados especiais da xornada inaugural do Alguén que respira!, o próximo mércores 18 de marzo. O festival, organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Xunta de Galicia, ofrecerá ese mércores un pequeno percorrido pola súa historia e nese capítulo, Ó Faoláin afianza o compromiso do Respira! para achegarse á poesía das áreas culturais próximas.
Autor de catro libros de grande impacto, con títulos como Anam Mhadra (2018) –un debut que lle valeu os premios Glen Dimplex e Strong– ou a máis recente Iasachtaigh (2022), Ó Faolàin é tamén tradutor, director do club literario en lingua irlandesa Aos Cró (2011-14) en Kerry Occidental. Pasou dez anos (2015-24) como director de An Fhéile Bheag Filíochta, un festival de poesía bilingüe con sede en Baile an Fheirtéaraigh. É editor da revista Aneas, que actualmente é a única dedicada integramente á literatura en lingua irlandesa. Segundo a crítica irlandesa, o poeta realiza unha profunda escavación na imaxinación e na mente mentres compón. E do mesmo xeito escava a linguaxe para atopar unha expresión que sirva aos seus propósitos. A súa poesía é o produto desta escavación, poesía dun material denso que é moito máis completo e importante que a “riqueza lingüística” da tradición.
