Unha edición en dixital para ir facendo oído

Cando o pasado 14 de marzo entrou en vigor o decreto de alarma pola covid-19, só faltaban cinco días para comezar o festival Alguén que respira! A suspensión foi un mazazo que, porén, non fixo quedar inmóbil á organización. Neses cinco días, artellouse unha cadea de colaboracións que permitiu celebrar, entre o 19 e o 21 de marzo, un festival virtual a través da web. Practicamente, a totalidade das poetas e dos poetas incluídos no programa achegaron gravacións ou vídeos que podes escoitar nesta mesma páxina como avance dos recitais físicos que terán lugar a partir do 19 de setembro. Ademais de poemas inesquecibles, atoparás xoias como o poema sonoro de Azguime, vídeos de Miriam Reyes, María Lado ou Rosalía Fernández Rial, e de maneira moi especial, as composicións realizadas por Ana Romaní e Chus Slva coas voces remitidas polos seareiros e seareiras da we. A sección titulouse xenericamente Voces e corpos que se tocan. A repercusión da iniciativa, desenvolvida nun contexto tan complexo e atordoado como os primeiros días de confinamento, foi tal que a páxina acabou abríndose a todos e todas as poetas do país, tracexando así unha cartografía de propostas que aínda hoxe mantén intacta a súa poderosa autoafirmación fronte ao silencio.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará