Pasado e futuro da man de Cristal Méndez Queizán no Respira!

A novena edición do Alguén que respira! comezará o mércores 18 de marzo cun programa dedicado á propia memoria do festival pero en absoluto tentado pola nostalxia. Deste xeito, polo escenario do Teatro Principal de Compostela pasarán non só voces que nos acompañaron ao longo desta última década senón que, ao mesmo tempo, o Respira! buscará relanzarse cara ao futuro con propostas que debuxan un novo horizonte. É o caso de Cristal Méndez, que chega ao festival recollendo o facho da súa cerna familiar (é filla de María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín) para presentar un recital convocado coa fusión da música coa poesía. Será, sen dúbida, un programa de grande atractivo e intensidade no que estará acompañada por Andrea Nunes Brións, Elsa Moreno e o poeta irlandés Simon Ó Faoláin.