
O Alguén que respira! ofrece por primeira vez a proxección dunha película, e faino cunha obra de Iván Castiñeiras, titulada Deuses de pedra, onde a imaxe se viste de poesía para captar –como moi poucos traballos fílmicos en Galicia– a densidade da memoria. Castiñeiras, que rodou a súa película durante quince anos, estará o sábado 21 ás doce do mediodía no ambigú do Teatro Principal de Compostela para narrarnos a súa experiencia. Media hora despois, ás 12.30, proxectarase Deuses de pedra, que ten unha duración de 84 minutos.
O traballo de Iván Castiñeiras sitúase a medio camiño entre o documental e a ficción. A través da posta en escena de historias nas que os universos real e imaxinario se mesturan, as súas películas abordan cuestións xeopolíticas de fronteira e territorialidade. Narran a historia de personaxes “á marxe” —contrabandistas, emigrantes, exiliados, aventureiros— que se sitúan entre o visible e o invisible e que revelan un xeito de vida fóra do común. Estas narracións constitúen unha construción da memoria individual e colectiva, onde o contexto real e o mito se cruzan para crear finalmente unha nova realidade, modelada por un xogo de resonancias temporais e históricas.
