A poesía dá a nota é o título do recital que clausurará o martes 21 de decembro no Teatro Principal de Compostela o festival Alguén que respira! 2021. Nesta edición, que se celebrou en catro xornadas desde o 21 de marzo, o respira! articulou un peche festivo con dous artistas de grande forza musical, o galego Projecto Mourente e o asturiano Rodrigo Cuevas, unha das personalidades máis carismáticas que se revelaron nos últimos anos en España. Ambos farán, respectivamente, un particular percorrido pola poesía galega e a asturiana. Será unha descarga de alegría común en medio desta crise individualista na que nos demerxeu a pandemia.
Projecto Mourente[alcume baixo que traballa Carlos Valcárcel] preparou unha sesión de vinte minutos de duración na que interpretará composicións inéditas sobre textos de Francisco Cortegoso, Ana Romaní, Lois Pereiro, Lorena Soutoou Carlos Callón. O artista, unha das estrelas do pop electrónico galego, publicou tres discos, entre eles o lendario Baixo os eucaliptus. A súa actuación no respira!é, en certo modo, un reencontro co público en directo, do que leva xa afastado varias temporadas.
Rodrigo Cuevas[Ovieu, 1985] é un fenómeno da escena que se autodefine como “axitador folclórico”. Para o festival preparou un programa especial baseado na poesía asturiana, tanto na popular como na de autor. Será unha ocasión única de velo e escoitado nun espazo emblemático como o Teatro Principal en plena efervescencia do seu último traballo discográfico, Manual de cortejo, que o convertiu para moitos medios no mellor artista do ano.
A poesía dá a notaé unha forma festiva de acabar a edición do festival pero tamén unha oportunidade de celebrar a alegría común da poesía nun momento en que semellamos todos demerxidos na crise de individualismo creada pola pandemia. Por suposto, a organización do festival manterá de maneira estrita os protocolos anti-covid.
Ao longo do ano, e nas catro xornadas que articularon a edición do 2o21 [cada unha coincidindo con solsticios e equinoccios], o Alguén que respira! articulou un programa de esixente calidade e grande acollida por parte do público. Inaugurouse o 21 de marzo cun manifesto de Manuel Rivas, ao que seguiu ese mesmo día o recital 21 anos [+ ou -],unha panorámica de poetas nas distintas linguas peninsulares no equinoccio da súa primavera creativa. Pola lingua galega estiveron Belén Senín(Potecesures, 1999) e Iago González(Vilar de Barrio, 1999); polo éuscaro, Martín Bidaur(Toulouse, 1996); polo portugués, Maria Brás Ferreira(Lisboa, 1998); polo catalán, María Isern(Vic, 1994); e polo castelán Mario Obrero(Madrid, 2003).
O 21 de xuño celebrouse un programa dobre. Nas rúas desenvolvéronse as regueifas, coa participación de Manuel Maseda, Lupe Blanco,Josinho da Teixeirae Xurxo Souto, catro dos máis celebrados representantes do xénero ao que lle tributaba homenaxe o festival como recoñecemento da súa contribución á poesía oral galega. Pouco despois, xa no Teatro Principal, o poeta, músico e performer portugués Miguel Azguimeinterpretou a ópera salt itinerary, o seu espectáculo máis celebrado, unha refexión sobre a creación e a loucura.
Dobre foi tamén o programa do 21 de setembro, que se prolongou ao día 22 coa sección Atravesei a cerca. O 21 celebrouse o recital O ruído do lume [A palabra en combustión de dez poetas galegas], un dos acontecementos históricos do ano, coa participación de Olga Novo,Alba Cid, Yolanda Castaño, Luz Pichel, Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns, Eva Veiga, Luz Fandiño, Andrea Nunese Chus Pato. O día 22, dentro de Atravesei a cerca, os afeccionados puideron visitar espazos que, de maneira habitual, non están abertos ao público, como o museo ao aire libre de Berto Leis, un ferreiro que creou unha sorprendente paisaxe nas hortas da Costa do Vedor. Completaron os escenarios do recital o xardín do restaurante A Macetana rúa de San Pedro e a sorprendente terraza do centro sociocultural da Trisca, na Corredoira das Fraguas. Séchu Sende, Javier Peñafiele a vasca Castillo Suárezforon os poetas que recitaron os seus poemas neste percorrido.
O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.