A poesía durante a pandemia: os festivais en tempos de coronavirus

O festival ‘Alguén que respira!’ participará nunha mesa redonda sobre os efectos da COVID-19 nos espectáculos poéticos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 DE XUÑO. Organizar, producir e poñer en marcha proxectos culturais nunca foi doado, pero coa chegada da nova realidade derivada da crise sanitaria da COVID-19 volveuse unha tarefa, se cabe, aínda máis ardua. No caso da poesía, existen ademais outros trazos que aumentan a dificultade, posto que se trata dunha arte menos masificada que a música ou o cinema. Por isto, coñecer a situación actual da produción de festivais poéticos en España e realizar un exercicio de análise das alternativas, as necesidades do público e as incidencias loxísticas que implica o novo campo de xogo no que é preciso moverse. Así pois, o festival Alguén que Respira! participará o próximo xoves 25 de xuño ás 20.00 horas na mesa redonda virtual titulada “Festivais de poesia en temps de pandèmia”.

Deste xeito, a través da plataforma telemática Zoom e de Facebook, estudaremos o grao de creatividade na mutación dos formatos para garantir unha asistencia segura ós eventos poéticos e as problemáticas que xorden respecto á libre circulación de poetas nacionais e internacionais. A mesa redonda, organizada polo festival VOCIFERIO e o Consorci de Museus da Comunitat Valenciana, contará tamén coa presenza de representantes da organización doutros festivais de poesía de talle nacional, como son Cosmopoética, Barcelona Poesia, Poetes e Poesia i +. Pola súa banda, o encargado de moderar o coloquio será o poeta e xestor cultural David Trashumante.

O prazo de inscrición xa está aberto, polo que todo aquel que así o desexe poderá solicitar a súa matrícula na páxina web de Zoom. Ademais, para os que non estean interesados en inscribirse pero queiran seguir o evento, poderán facelo a través da páxina de Facebook do Centre del Carme Cultura Contemporània.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará