
“Agora pecha os ollos e respira. Só somos iso. Alguén que respira. Algo que vive, e polo tanto, que ama, que soña e que recorda”. Así comeza o Manifesto do Día Mundial da Poesía que escribiu para o Alguén que respira! Olga Novo. O manifesto esta dispoñible desde hoxe na web do festival –www.alguenquerespira.gal– e será a propia Olga Novo quen o lea o vindeiro 18 de marzo –a partir das sete da tarde– no balcón do Teatro Principal de Compostela . Con el botarán a andar os recitais do Respira!, un encontro organizado polo Concello de Santiago que conta, ademais, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Xunta de Galicia. Serán catro días de intenso programa –do 18 ao 21 de marzo– nos que Compostela se converterá na capital da poesía en Galicia, con faladoiros, proxeccións, conferencias, concertos e recitais. O eixe temático desta novena edición será a Memoria e facendo memoria, precisamente, despídese da direción do festival o seu creador, Antón Lópo, que levou a rédeas do programa durante case unha década acompañado dun equipo formado por Cecilia Carballido na produción, Manolo Martínez no deseño gráfico, Baltasar Patiño na escenografía e iluminación, ademais de Iris Cochón e Anxos Sumai como responsables da coordinación linguïstica.
