Alberto Mira e a súa crónica do devir

Alberto Mira, que abre os cafés de reflexión no ambigú do Teatro Principal o sábado día 19, a partir das doce do mediodía, centrarase sobre algúns temas de Crónica dun devir, un ensaio no que reflexiona sobre o “nós”  queer a partir da súa relación vital. Un “nós” queer, gai, LGTBI, ademais do seu “feito social”, sempre ten unha vertente que é histórica. A posta en marcha dun movemento que se inicia nos anos vinte do século pasado –documentado xa na década dos setenta– está cada vez mellar documentado e a liña que se suxire é unha liña de “liberación”, de loita contra o  heterosexismo. Dado que o heterosexismo segue vivo, o proxecto non pode considerarse esgotado. Con todo, opina Mira, esta liña de desenvolvemento tende a dar as costas a outros dous aspectos do que somos, ambos tamén suxeitos á historia e moi difíciles de fixar en termos de progreso.

Por unha banda, está o traballo sobre procesos de subxectivación. Por outra, de maneira máis delicada, a reflexión sobre o lugar do erótico na constitución do nós. Dado o carácter fluído do erótico e o emocional, a miúdo considerouse que non forman parte dun proxecto progresista. En realidade, asegura o activista convidado ao Respira!, as reservas son certas pois, como suxire Leo Bersani, hai terreos, centrais no “nós”, que non concordan cos fins do activismo.

O segundo aspecto sobre o que Mira se propón reflexionar é o impacto que tivo no “nós” a centralidade das redes sociais desde 2010: somos o mesmo? definímonos do mesmo xeito? Estas son algunas das cuestións que intentará contestar nun faladoiro que estará presentado por Alberto Fernández Peón.