‘Os 21 do 21’: a cuarta edición do Alguén que respira! celebra equinoccios e solsticios coa poesía como corpo principal

Alguén que respira!, o festival de poesía de Compostela, chega á cuarta edición readaptando o seu calendario ás continxencias da pandemia pola covid-19. Sen perder a referencia do 21 de marzo, cando se celebra o Día Mundial da Poesía e o equinoccio de primavera, o festival exténdese ao longo do ano en catro xornadas que lle pemiten adaptarse aos progresivos protocolos sanitarios. No mes de decembro, esperamos contar coas condicións adecuadas para ofrecer formatos completos, tanto nos aforos como na proximidade dos asistentes ou na sucesión de recitais.

En conxunto, non será con todo un programa aleatorio, senón que xoga coas súas datas habituais para establecer unha cadea de equinoccios e solsticios baixo o selo da poesía, ao tempo que fai unha chiscadela cos algarismos do ano actual, o 2021. Por esa razón, o lema desta cuarta edición é Os 21 do 21, todo un convite de complicidade que permite gravar na memoria colectiva as catro citas clave da temporada, superando a barreira de que coincidan en domingo, en luns ou en martes. Poesía concibida tamén con alento diario, no medio de semana, como forma de vida cotiá.

Deste xeito, o Teatro Principal de Compostela, sede do festival, acollerá un programa adaptado ás circunstancias sanitarias que correspondan o domingo 21 de marzo, o luns 21 de xuño (solsticio de verán), o martes 21 de setembro (a unhas horas do equinoccio de outono) e o martes 21 de decembro (solsticio de inverno). En cada xornada haberá, ademais, eixes temáticos que articularán os ciclos de recitais e desde a organización xa anuncian que haberá propostas inesperadas.

O obxectivo é preservar, na medida do posible, seccións características de edicións anteriores, como Atravesei a cerca (un percorrido polos espazos máis recónditos do Teatro Principal) ou o apartado de producións propias.

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.


 

Unha resposta a “‘Os 21 do 21’: a cuarta edición do Alguén que respira! celebra equinoccios e solsticios coa poesía como corpo principal”

  1. ¡Alegría! Bienvenido el festival en cualquier formato, soy poeta, si puedo colaborar en algo, quedo a su disposición.

    Saludos, feliz tarde

Comentarios pechados.