
Primavera e poesía van da man en Santiago. A oitava edición do festival “Alguén que respira!” volverá a converter a capital galega nun polo de atracción poética. Como cada ano, o festival ten detrás un motivo dominante que enfía as súas propostas, que reunirán a máis de coarenta poetas, músicos ou performers, e o nexo nesta ocasión será “poesía / vida”.
A programación, presentada esta mañá pola concelleira de Capital Cultural de Compostela, Miriam Louzao, institución organizadora da convocatoria, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que apoia o festival, e o director do encontro, Antón Lopo, abranguerá tres xornadas de recitais que se iniciarán o xoves 20 de marzo no Teatro Principal coa lectura do manifesto do Día Mundial da Poesía que adoita inaugurar oficialmente a convocatoria, desta vez a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo, que escolleu para o seu texto o título de “poesía / vida”, e que estará precedida, a mediodía, pola primeira Cita no ambigú (Un café, unha conversa, moitas ideas), un faladoiro que se celebra todas as mañás do festival como “espazo de reflexión e convivencia”.
O festival chega este ano con novidades. Ademais dos habituais recitais de Poesía para corpo principal e de Atravesei a cerca –no que se percorren os espazos que non adoitan estar accesíbeis ao público do Teatro Principal–, incorpóranse seccións inéditas como O que mutuos somos, na que se xuntarán tres parellas formadas por poetas “para esculcar as formas onde a poesía comparte teito coa vida”. Dese xeito, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Alicia Fernández e Eduard Velasco ou María Sánchez e José González lerán os seus poemas, pero só medio cento de persoas serán os afortunados.
(Artigo de Carmen Villar publicado en Faro de Vigo)