Apoteose de oralidade para celebrar no Respira! o Día da Poesía

Falta pouco xa para que o Alguén que respira! bote a andar e o equipo que fai posible este festival organizado polo Concello de Santiago, co apoio da Secretaría Xeral da Língua da Xunta, ultima os detalles para que o pano do Teatro Principal se levante. Serán catro días de intenso programa, entre o 18 e o 21 de marzo, con recitais, performances, faladoiros, proxecións, conferencias e postas en escena, un despregamento de propostas que culminará cunha apoteose dedicada especialmente á oralidadeo sábado 21, cando se celebra precisamente o Día das Poesía . No programa desa noite, a partir 20.30 e baixo o título Son nove e non van ser dez, subirán ao escenario algunhas das personalidades máis sobranceiras da intervención poética física, con nomes como Silvia Penas, Estevo Creus, Isaac Xubín, Samuel Merino, Lucía Aldao, Nieves Neira e María Grandío. Con eles, e máis coa poeta andaluza Isabel Martín, o festival fará memoria propia das propostas orais que ao longo das súas nove edicións pasaron polo Teatro Prinicipal. É, sen dúbida, un dos programas estrela do Respira! e unha oportunidade única para ver reunidas as grandes voces da performance poética galega.