As entradas para o recital A poesía dá a nota poderanse retirar unicamente o mesmo día do acto, que se celebra o martes 21 de decembro a partir das 20,30 horas no Teatro Principal. Estarán dispoñibles desde as once da mañá na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C, situado na Praza de Cervantes. Tamén se poden retirar no despacho do propio teatro desde unha hora antes do recital.
Con A poesía dá a nota clausúrase o martes 21 de decembro no Teatro Principal de Compostela o festival Alguén que respira! 2021. Nesta edición, que se celebrou en catro xornadas desde o 21 de marzo, o respira! organizou un peche festivo con dous artistas de grande forza musical, o galego Projecto Mourente e o asturiano Rodrigo Cuevas, un dos creadores máis carismáticos dos xurdidos nos últimos anos en España. Ambos darán un particular percorrido, respectivamente, pola poesía galega e a asturiana. Será unha descarga de alegría común en medio desta crise individualista na que nos demerxeu a pandemia.