As entradas para ‘O ruído do lume’ pódense sacar desde as once da mañá

Todo está listo para este martes, a partir das 19.30, se levante o pano do Teatro Principal de Compostela e acoller a terceira xornada do festival Alguém que respira! 2021. O ruído do lume [A palabra en combustión de dez poetas galegas] é o título do recital de hoxe, no que participan Olga Novo, Chus Pato, Eva Veiga, Luz Fandiño, Elvira Riveiro, Yolanda Castaño, Andrea Nunes, Luz Pichel, Alba Cid e Miriam Ferradáns. A voz de Ana Romaní será a encargada de introducir o que é, sen dúbida, o acontecemento poético da temporada.

A partir das once da mañá deste día 21 pódense retirar as entradas do recital a través da web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C da praza de Cervantes e no despacho de billetes do propio teatro desde unha hora antes de que comece O ruído do lume.

Para o día 22, está previsto un programa especial co que se celebra o equinoccio do outono baixo o lema Atravesei a cerca, onde lerán os seus poemas Séchu Sende, Castillo Suárez e Javier Peñafiel. A entrada a este programa está restrinxido ás primeiras 25 persoas que cheguen ao xardín da Maceta, onde comezará un percorrido poético por varios espazos singulares do barrio de San Pedro.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará