
Do mércores 18 ao sábado 21 de marzo, o Teatro Principal de Compostela acollerá a novena edición do Alguén que Respira!, unha cita que reunirá en a poetas, artistas, pensadoras e pensadores arredor dun programa onde se combinan os recitais, as conversas, o cinema, a ciencia e as propostas performáticas. A poeta Olga Novo será a encargada de ler este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía nunha edición que sitúa a memoria como eixo central da súa programación. O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Os detalles da programación foron presentados este venres 13 de marzo nunha rolda de prensa coa participación da concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director do festival, Antón Lopo.
Durante a presentación, Míriam Louzao salientou o valor do Respira! como “espazo que fai da palabra poética un lugar de encontro entre creadores e creadoras, entre disciplinas artísticas e tamén entre xeracións e públicos moi diversos” consonte ao entendemento de que “a poesía é moito máis que un xénero literario; é unha forma de coñecemento, é unha maneira de mirar o mundo e tamén é unha ferramenta para pensármonos como comunidade”.
Pola súa parte, Valentín García lembrou a contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega que representa o Respira evindenciando “a capacidade de creación dos nosos creadores e creadoras, e a poesía como un dos buques insignia dentro da nosa estrutura e da nosa capacidade de articulación cultural”.
O director do festival, Antón Lopo, recoñeceuse emocionado polo desenvolvemento desta edición que será a súa derradeira á fronte do Respira!. Puxo en valor un festival que conseguiu chegar a través da palabra a máis de 10.000 espectadoras e espectadores e salientou que o encontro é o resultado do trabnallo de numerosas persoas, desde os periodistas que divulgan o festival aos espectadores que enchen a sala, pero en especial do equipo que o sostén, formado por Cecilia Carballido, Manolo Martínez, Baltasar Patiño, Iris Cochón, Anxos Sumai e Marina Rodríguez Fernández. “Levamos nove anos facendo poesía coa respiración, ritmo coa vida, luz coas mans, escrita cos ollos, realidade coa lingua. Somos un corpo que se constrúe na voz, e no seu propio corpo. Un corpo, sobre todo, que ama. Un instante que observa o mundo e que o pensa”, concluíu Lopo a súa intervención.
Continuar lendo “Presentado aos medios de comunicación a novena edición do Alguén que respira!”