Versos e voces que se tocan. Peza sonora colectiva

Cando todo obriga ao illamento, neste Respira! [Poesia contra o coronavirus] propómosvos facer unha peza colectiva. Versos en voces para configurar un corpo sonoro que é memoria e é acción. Voces que se tocan, agora, cando apenas nada se pode tocar. O punto de partida é a peza sonora que Ana Romaní e Chus Silva preparaban para a performance Corpus Literarios do festival. A proposta é esta: facédenos chegar un audio cun verso gravado na vosa voz, poden ser vosos ou de outr*s, inéditos ou publicados, históricos ou víricos. Con eles, crearemos e poñeremos na web unha rede de pezas con versos e voces que se tocan para este corpo que Respira!

As duas pezas sonoras que aparecen aquí son as primeiras da serie:

Podedes enviar as gravacións, necesariamente breves, de soamente segundos, ao correo electrónico: alguenquerespira@gmail.com 


 

Blanca Llum [Poesía contra coronavirus]

Blanca Llum Vidal naceu na Barceloneta, medrou en Casserres (Berguedà) e agora vive no Vall de Moc de Collserola. Sempre que pode fai noite en Felanitx (Mallorca), nun lugar de anarquía e mandas. Cando se matriculou en Bioloxía dixéronlle que era unha mula malferrada, polo que ao seguinte ano comezou Traballo Social e Filoloxía Catalá. Máster de Pensamento Contemporáneo cunha tesiña sobre Blanchot e Lévinas, realizou distintas traducións. Entre outros títulos, publicou La cabra que hi havia, Nosaltres i tu, Homes i ocells, Visca!, Punyetera flor, Maripasoula (crónica dunha viaxe á Guaiana francesa), Aquest amor que no és u / Este amor que no es uno (tradución de Berta García Faet) e Amor a la brega. Aquí reproducimos o poema Amor dels amors, pertencente ao libro Punyetera flor.

 


 

[Poesía contra coronavirus] tamén en Facebook

Alguén que respira! programa unha serie de accións contra o confinamento denominadas [Poesía contra coronavirus] e incluídas no Respira! Web da súa página virtual. Paralelamente, en Facebook, aparecerán vídeos dos e das poetas que estaban incluídos no programa aprazado do festival. O Respira! Web comezou esta mesma mañá con Antón Reixa, que escribiu para a páxina o poema titulado precisamente Virus. Ás once da mañá de hoxe continúa no Facebook coa exhibición de vídeos baixo o lema Poesía antivirus, comezando por María Lado e Rosalía Fernández Rial. A partir do día 20, a web queda aberta para que tod*s podades poñer aquí os vosos poemas.

Contra o confinamento, palabra, liberdade e poesía.

 


 

Eva Veiga [Poesía contra coronavirus]

Desde 1985, Eva Veiga traballou na TVG onde desenvolveu unha polifacética actividade profesional. Dende o 2000, xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez realiza espectáculos co grupo Ouriol. Como actriz, foi a protagonista do longametraxe A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Publicou os poemarios Fuxidíos (1993), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do Teixo (2010), Nesta hora imposible con fotos de Mada Carballeira (2012), A distancia do tambor (2014. Premio Fiz Vergara Vilariño e AELG), Soño e vértice (2016. Premio Concello de Carral e Premio da Crítica española), e Silencio percutido (2016. Premio Cidade de Ourense).


 

Rafa Lobelle [Poesía contra coronavirus]

Cun cromatismo singular dentro das novas voces da poesía galega, Rafa Lobelle acadou os premios Díaz Jácome do Concello de Mondeñedo ou o Avelina Valladares pola que sería a súa primeira obra poética, Andar ás apóutegas (2014), á que seguirian o poemario Física Elemental (unha autoedición ilustrada de 2018) e a plaquette Cotodamina (2019). Ademais participou en antoloxías como Ecos dos poetas de Chantada. No eido da narrativa publicou no 2018 a novela Evanxeos Apócrifos.


 

Beatriz Chivite [Poesía contra coronavirus]

Beatriz Chivite leva máis de trece anos vivindo polo mundo. É na distancia onde empezou a escribir poesía en euskera para sentirse máis preto e para manter unha especie de intimidade coas palabras da infancia. Traballou en embaixadas, museos de marionetas e fes- tivais de cine. Viviu na China, Nepal, Indonesia, Hong Kong, Italia, Reino Unido, Taiwan… As cidades e as súas soidades son as súas musas e os seus poemas intentan reectir un nomadismo privile- xiado. Publicou Metro (2014), Biennale (2017), Pekineko kea (2017) e Mugi/atu poesia liburua (2019). Recibiu, entre outros galardóns, o do Concello de Pamplona 2012, o Ernestina Champourcin de Poesía 2015, o Lauaxeta 2016 ou o Blas de Otero 2017. Aquí reproducimos o poema Home en éuscaro e galego. Tamén se incliúen dous collages da poeta co título Imaxes soñadas nunha cuarentena.

 


 

María Lado [Poesía contra coronavirus]

María Lado é membro do Batallón Literario da Costa da Morte e autora de A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), Nove (2008), Amantes (2011) e oso, mamá, si? (2015) que foi escollido Mellor Libro de Poesía na I Gala do Libro Galego. O seu interese polo teatro e a oralidade levouna a experimentar na poesía escénica a través de diferentes proxectos. Foi unha das creadoras do colectivo Poetas da Hostia e, dende o 2005, mantén con Lucía Aldao o dúo Aldaolado. Entre os seus textos teatrais destaca Anatomía dunha serea, escrito con Iria Pinheiro e premio María Casares. Tamén é autora dos contos para crianzas Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014) e Cinco minutos (2017). No ano 2016 editou a novela xuvenil Entre os dous hai un río (2016).


 

Rosalía Fernández Rial [Poesía contra coronavirus]

Rosalía Fernández Rial dedícase á escrita. Como poeta publicou En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida, títulos que tamén levou á escena con propostas diversas. No ámbito do relato curto destaca a súa pri- meira obra individual, Bonus track (2018). No do ensaio destaca Aulas sen paredes, un libro-DVD sobre unha metodoloxía innova- dora no ámbito da didáctica das linguas que recibiu o Premio á mellor iniciativa bibliográca da Gala do Libro Galego en 2017. É filóloga e doutora en Didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC. Asemade, formouse no ámbito das artes escénicas e musicais.

Antón Reixa [Poesía contra coronavirus]


Membro de Rompente ata a súa disolución en 1983, Antón Reixa publicou con Alberto Avendaño e Manolo Romón Silabario da turbina (1978), A dama que fala (1983) e a antoloxía Upalás (1998). Foi docente de Lingua e Literatura Galega, profesión que aban- donou para iniciar proxectos musicais, televisivos, literarios e ci- nematográcos. Funda o grupo de rock Os Resentidos (1982) cos que produce, entre outros, Fai un Sol de Carallo (1986) e Jet (1990). Colabora con Siniestro Total e forma o grupo Nación Reixa (1995). O seu labor como letrista recóllese en Viva Galicia Beibe. Dirixiu a serie Mareas Vivas e produciu as películas El lápiz del carpintero e Hotel Tívoli. En vídeo é responsable, entre outros, de Salvamento e Socorrismo (1985), Galicia Sitio Distinto (1989) e Ondas Van (2004). Os seus libros máis recentes son Látego de algas (2008), Leccións de cousas (2011) e Michigan/Acaso Michigan, Crónica de 18 días en coma (2018).

 

Virus

Houbo un tempo no que sabía con certeza

Se durante o tempo todo da historia

Eran máis os seres humanos que naceran

Do que os seres humanos que morreran

Hoxe non dou reestablecida esa estatística con tino

Anda un virus polo medio

Porén

Sei que hai cuarentenas que non son de 40

Poden ser de 14

Haberá

Dáme por pensar

Ducias de tres

Ou metros de metro e medio

Non hai medida

Xente solemne falando diante de atrís

Poderían aproveitar para ler Dante en alta voz

Pero falan de virus

Hai estatísticas que comparan o número de graos de area

E o número de estelas no firmamento

Hoxe

Eu querería saber o número de virus que invaden o meu subconsciente de goliardo

Aínda que onte souben que unha célula non morre nunca

Quencendo motores… Empeza o festival Respira! Web

Todo listo para que mañá, día 18, comece o Respira! Web, unha modalidade improvisada para a ocasión polo festival Alguén que respira! como medida de acción contra o confinamiento do coronavirus. Desde está mesma mañá, foron chegando aos puntos de recepción do festival unha serie de materiais que permitirán facer na web unha proposta poética a través de audios e poemas realizados expresamente para a ocasión. Entre ese material exclusivo, figura un poema de Antón Reixa que nos devolve o acume da súa palabra, ou un vídeo do performer Javier Peñafiel, que estivo na primeira edición do Respira! e quixo sumarse á iniciativa. En paralelo á web, a sección Facebook do festival, que desenvolve Alexandre Fernández Peón, vai ir descargando nos próximos días distintos videopoemas. A partir do vinte de marzo, tanto a web como o Facebook quedan abertos para recibir as propostas que todo*s vos desexedes  enviarnos. O coronavirus supón, como xa comprobamos estes días, unha ameaza para a vida pero tamén un risco para a convivencia e os valores culturais. Fronte ao confinamento, propoñemos palabra, liberdade e poesía.

Poesía contra conronavirus

O festival Alguén que respira! mantera desde mañá na súa web, www.alguenquerespira.gal, unha serie de audios coa voz das e dos poetas que estaban no programa do festival, aprazado a pasada semana de acordo coas medidas decretadas pola Xunta para evitar a expansión do coronavirus. O festival, unha referencia na axenda dos encontros poéticos peninsulares, ía celebrarse do  18 ao 21 de marzo, que é cando se celebra o Día Mundial da Poesía. Agora, nesas mesmas datas, a web manterá unha programación permanente baixo o lema “Poesía contra coronavirus”.

Continuar lendo “Poesía contra conronavirus”

Aprázase o festival Alguén que respira! pola crise sanitaria do coronavirus

Informámovos que de acordo coas medidas decretadas pola Xunta dentro da estratexia preventiva contra a expansión do coronavirus, o festival de poesía Alguén que respira! queda aprazado ata unha data que se comunicará oportunamente. A medida foi acordada polos organizadores do evento, o Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O programa manterase integramente tal como está de cara á súa organización nos próximos meses. O festival conta coa presenza de case cincuenta creadores do panorama internacional e unha serie de actividades que inclúen recitais, performances, pezas dramáticas e concertos.

O equipo leva traballando varios meses na organización deste evento, o máis importante da axenda poética de Galicia e un dos máis prestixiosos do estado. Este ano, de feito, o festival Vociferio de Valencia designara o Respira! para o acto de irmanamento que organizan anualmente.

O equipo artístico e técnico do Respira!, así como os seus organizadores, confían que esta crise sanitaria sexa atallada da maneira rápida e lamentan a dramática situación de angustia que viven os miles de afectados e a sociedade en xeral. O coronavirus supón, como xa comprobamos estes días, unha ameaza para a vida pero tamén un risco para a convivencia e os valores culturais.

Tod*s nós esperamos encontranos dentro dunhas semanas cunha emoción aínda maior da que xa agora nos enchia de ilusión polo festival.

Moitísimas grazas pola vosa axuda!!!!

O estado catalán da poesía


Baixo o epígrafe O estado catalán da poesía, o festival Alguén que respira! presentará o día 20 de marzo sobre o escenario do Teatro Principal de Compostela unha panorámica da poesía máis nova que actualmente se fai en Cataluña. Deste xeito, reúne a André Targa, Blanca Llum Vidal e Pol Guasch, tres voces que representan a axitación e variedade dunha lírica en plena ebulición.

Continuar lendo “O estado catalán da poesía”

Celso Sanmartin sube o público do festival ao escenario na súa nova peza


Unha das estreas máis agardadas do Alguén que respira! é, sen dúbida, Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha peza ideada por Celso Fernández Sanmartín para esta cita poética, a máis importante da axenda anual en Galicia. Alguén que respira!, denominación do Festival para Corpo Principal que se celebra en Compostela entre o 18 e o 21 de marzo, presenta un cartel con cincuenta creadoras e creadores, nunca aposta sen precedentes no panorama poético peninsular.

Continuar lendo “Celso Sanmartin sube o público do festival ao escenario na súa nova peza”

Mercedes Peón e Maria Reimondez falan as “Linguas elementais”

 


Amosar as posibilidades híbridas entre a poesía e a música foi o obxectivo do festival Alguén que respira! Para propoñerlle a Mercedes Peón unha pesa singular que se estrease no festival. A artista, unha das figuras máis admiradas da música popuar galega actual, ofrece deste xeito Linguas elementais, unha investigación de desbordante poder sonoro na que colabora, principalmente, con María Reimóndez, pero na que tamén se poderán albiscar os versos doutras poetas, como Yolanda Castaño ou Sukirtharani.

Continuar lendo “Mercedes Peón e Maria Reimondez falan as “Linguas elementais””

Miguel Azguime, unha estrea no Respira! entre a creación e a loucura


O performer, poeta e compositor portugués achega a súa exeperimentación sobre a construcción escénica da palabra

Alguén que respira!, o Festival para Corpo Principal que se celebra en Compostela entre o 18 e o 21 de marzo, estreará en Galicia salt itinerary un dos espectáculos máis celebrados do sempre inquietante creador portugués Miguel Azguime. O festival inclúe ademais desta estrea catro producións realizadas especialmente para a ocasión de Mercedes Peón, Celso Sanmartin e Pablo Fidalgo, ademais  da presentación da nova proposta poética de Rompente.

Continuar lendo “Miguel Azguime, unha estrea no Respira! entre a creación e a loucura”

Rompente presenta as súas novas composicións


Que hostia din os rumorosos? é o título do espectáculo que Rompente, un dos colectivos máis importantes da historia da literatura galega, estrea no Alguén que respira! despois do seu regreso á escena poética galega o pasado ano. O festival, celebrase en Santiago entre os días 18 e 21 de marzo, co Teatro Principal da cidade como espazo principal pero tamén atinxindo outros ámbitos nos que a oralidade da poesía é protagonista desde hai anos, como Riquela, que servirá de escenario ao slam, o Modus Vivendi, cunha programación estable de micro aberto, ou A Casa do Taberneiro, onde habitualmente se celebran regueifas. Continuar lendo “Rompente presenta as súas novas composicións”

“Je vous salue, Fran Cortegoso”, unha homenaxe do festival ao fascinante poeta de “Suicidas”

 

 


Alguén que respira!, o festival de Poesía para Corpo Principal que se celebra en Compostela entre os días 18 e 21 de marzo, realizará este ano unha homenaxe especial ao xa lendario poeta Francisco Cortegoso, falecido no 2016, cunha peza realizada especialmente para a ocasión por Pablo Fidalgo. O festival, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, preparou un amplo programa no que figura esta singular proposta, prevista para o sábado 21 de marzo a partir das oito da tarde.

Continuar lendo ““Je vous salue, Fran Cortegoso”, unha homenaxe do festival ao fascinante poeta de “Suicidas””

Sete “Corpus literarios” e catro producións propias

Ata catro producións propias se programaron este ano na terceira edición do Alguén que respira!, Festival de Poesía para Corpo Principal que se desenvolverá en Compostela entre o 18 e o 21 de marzo. O festival está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago coa colabroación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Continuar lendo “Sete “Corpus literarios” e catro producións propias”