André Tecedeiro, a voz e o combate do territorio trans portugués

Poucas figuras tan inquedas e combativas nesta sétima edición do Alguén que respira! como André Tecedeiro (Santarém, 1979), unha das figuras emblemáticas do combate trans en Portugal. A súa obra non só se adentra na poesía, na plástica ou no teatro, senón que se demerxe nas lindes do ensaio para implicar a sociedade enteira no desafío dunha xustiza social.

“Homens rosnam à sua passagem, / temem que o homem de saias os devore. / Mas ele passa, ele avança, sabendo bem / que reúne polos no interior de uma esfera / e que acende possibilidades debaixo da saia. / Tem barbas e a robustez de uma árvore. / A saia cai-lhe bem como a Júpiter. / Ao passar, tece harmonias com dissonâncias, / declara força com a brandura de um tecido”.

Publicou oito libros de poesia, entre os cales figura A axila de Egon Schiele (Porto editora, 2020), recomendado pelo Plano nacional de Leitura. Para teatro, escribiu Joyeux Anniversaire (2021); Desfazer (2021) e O Ensaio. É consultor e formador de linguaxe inclusiva e inclusión de xénero e foi orador en decenas de debates, conversas e conferencias, partillando a súa expe- riencia como persoa trans pola visibilidade e dereitos das per- soas LGTBQIA+.


 

O conflito desde dentro: de Tal Nitzan a Gustavo Giménez e María Sevilla

Que ocorre cando o conflito te enfronta coa túa propia comunidade? Sobre ese lévedo xurde a poesía de Tal Nitzan, unha hebrea que pasou parte da súa vida en suramérica e que actualmente reside en Tel Avid, pacifista, contraria á ocupación de Palestina e editora dun nutrido volume de poesía hebrea de apoio ao pobo palestino. Ela é unha das poetas que intrevirán no recital inaugural do festival Alguén que respira!, que comezará ás oito da tarde do día 21 no Teatro Principal. Canda ela, autoras e autores de marcada personalidade, como a catalana María Sevilla ou o aragonés Gustavo Giménez, que presenta a súa particular proposta de poesía sonora. Non son as únicas estrelas dun cartel que completan María do Cebreiro, Abe Rábade e o portugués Andre Tecedeiro.


 

O recital do venres 22: cando a poesía nos interpela desde a voz dos invisibles

Faltan poucas horas para que se levante o pano do Teatro Principal de Compostela e comece o Alguén que respira!, co que Galicia celebra este 21 de marzo o Día Mundial da Poesía. Esta sétima edición do festival, marcada polos múltiples conflitos armados do mundo global, é sen dúbida a que interpela con maior inquedanza as consciciencias, en especial co recital do día 22 que reúne a potente carga emocional  da rifeña Karima Ziali (na fotografía), a saharaui Zahara el-Hasnaui, o kurdo Hekin Sefran ou o palestino Mohamad Bitari. Canda eles a andaluza Isabel Martín e o galego Samuel Merino, que percorren os vieiros dos conflitos da identidade e da desigualdade social.

Os versos deste recital non só arrastran polo seu horizonte as sombras de loitas centenarias en defensa da dignidade, senón que afondan na súa dimensión literaria na dor que asolaga o mundo invisible ao outro lado das nosas costas. Estamos ante palabras que estremecen e que nos fan vibrar coa luninosidade da esperanza e a imparable marcha do seu canto.


 

Unha oportunidade única para escoitar a María do Cebreiro con Abe Rábade

Dentro do excepcional programa que presenta a sétima edición do Alguén que respira! a oportunidade de escoitar xuntos a María do Cebreiro e Abe Rábade é, sen dúbida, unha das máis singulares. O recital, no que figuran punto a a poetas como María Sevilla, Tal Nitzan, André Tecedeiro ou Gustavo Giménez, terá lugar o día 21 de marzo ás oito da tarde no Teatro Principal. Dúas décadas levaban os dous irmáns sen coincidir no escenario e agora fano cun recital moi especial, xa que nel conflúen a poesía de María de Cebreiro coa improvisación jazzística, na que Abe Rábade é un dos máis admirados especialistas do momento. O nexo de unión será o A lentitude, libro onde a autora se amosaba máis vibrante que nunca, cunha linguaxe que arrastra os sedimentos da ametencia críptica, con revoltas que por momentos nos aproximan á mística, ao zen, ás sentencias morais, á intimidade confesional ou á revelación visionaria dunha muller que se reconstrúe constantemente na escrita.


 

Os diálogos con café tamén teñen un espazo específico no Alguén que respira!

Como cada ano, o Alguén que respira! reserva un espazo específico no seu programa para os faladoiros e, de feito, a primeira actividade do festival servirtá de limiar aos recitais. Trátas da sección As mañás do ambigú, que reunirá a partir das 12,30 no ambigú do Teatro Principal a peridiodistas, poetas, investigadores ou reporteiros para reflexionar (e debater) sobre o panorama dun planeta en conflito multipolar.

A primeira mañá do ambigú, que por suposto terá café e bizcoito para animar os faladoiros, será o xoves 21. Nela contaremos coa presenza de dúas persoas que comparten o periodismo e a poesía, Alfonso Armada e Carmen Villar.

O venres 22 será a quenda de Cristina Sanchez (na foto), unha periodistas que cubriu boa parte dos conflitos de oriente próximo, oriente medio e mesmo as revoltas en Libia. Canda ela, Iván Prado, responsable da asociación Pallasos en rebeldía e da escola de pallasos que existe en Gaza.

Xa o sábado 23, tamén ás 12,30 da mañá e no ambigú, o periodista Caetano Díaz e Daniel González Palau, director do IGADI, tratarán de indagar nas claves políticas que caracterizan as tensións bélicas actuais no mundo.

Desde este venres 15 pódense reservar as entradas para o festival Alguén que Respira!

II / O poeta palestino Mohamad Bitari encabeza o cartel dun programa que ten como eixo temático o conflito

II / A pacifista hebrea Tal Nitzan participa no recital inaugural, despois da lectura do manifesto de Alfonso Armada

II / Nos tres días do programa haberá oportunidade de experiencias únicas, como a improvisación de jazz de Abe Rábade xunto a súa irmá María do Cebreiro a partir de poemas de A lentitude

II / O portugués André Tecedeiro abordará o conflito das identidades nos colectivos Lgtb mentres a sección Atravesei a cerca permitirá escoitar as voces de catro poetas nos espazos ocultos do Teatro Principal de Compostela

 

Desde as once da mañá deste venres día 15 están dispoñibles a entradas –todas gratuítas– para asistir aos recitais do festival Alguén que respira!, o gran acontecemento poético de Galicia que cada 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– se celebra en Compostela Organizado polo Concello da cidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o festival desenvólvese en tres días de programa, desde o xoves 21 ao sábado 23. Como escenario terá o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade, espazo onde celebraremos o concerto-recital de clausura cun despregamento impactante de música e poesía da man de Guadi Galego con Su Garrido, a rapeira Eskarnia, a cantante do Val de Arán Alidé Sans e o dúo de tecno-poesía valenciano No Poet.

As entradas pódense reservar na web de compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do recital (teléfono 981 571 026).

O festival ofrece oportunidades únicas de asistir a propostas que, probablemente, non se repetirán nunca, como a da poeta María do Cebreiro co pianista Abe Rábade, que farán convivir a poesía do libro A lentitude coa improvisación dun dos jazzistas máis admirados da escena internacional. Tamén coinciden no festival un poeta palestino tan excepcional como Mohamad Bitari cunha poeta pacifista hebrea como Tal Nitzan. Canda eles, poesía saharaui, rifeña, kurda… Un completo percorrido por algúns dos conflitos que están a marcar a actualidade no mundo.

O recital inaigral, que estará precedido polo manifesto de Alfonso Armada, contará coa presenza de André Tecedeiro, un home trans que se convertiu no centro do activismo Lgtb en Portugal, ou María Sevilla, que desta volta trae ao festival a súa proposta híbrida de poesía e música. Tamén estará canda eles a fascinante poesía sonora do aragonés Gustavo Giménez.

O Respira! tamen ten un premio literario para estudantes que este ano gañaron Aroa Misa García, de quinto de primaria, co seu poema Si e non; Serxio Abalo con Uxío en universidade e Claudia Romero Dorna en ESO con Danza dos corpos inertes.

Aroa Misa, Claudia Romero e Serxio Abalo gañan o Premio respira! de poesía

O CPI Cova Terreña de Baiona parece ter descuberto o segredo de incentivar a poesía no alumnado e, por segundo ano consecutivo, gañou o Premio Respira! de poesía para estudantes no apartado de Primaria. Deste xeito, a alumna Aroa Misa García, que cursa quinto, logrou o recoñecemento do xurado polo seu poema Si e non. O tema central desta convocatoria era A guerra fronte á construción da paz. O xurado estivo composto por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia. Antón Lopo, director do festival, foi o secretario.

O texto aparecerá publicado no libro do festival, que se entregará aos asistentes dos distintos recitais do seu programa entre o 21 e o 23 de marzo. A propia Aroa Misa, ao igual que o restro dos gañadores, lerán os poemas na sesión do sabado 23, que se celebrará na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O festival está organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Mentres o xurado salientou a calidade e elevada participación en Primaria, tamén subliñou que no apartado de bacharelato e ciclos formativos de 1º grado o resultado foi menos esperanzador, polo que decididron declaralo deserto. Con esta decisión queren tamén chamar a atención do bache que se produce na participación entre os primeiros anos do ensino e a universidade.

Precisamente, no apartado universitario e ciclos formativos de 2º grao, o gañador foi o poeta Serxio Abalo co texto Uxío. Abalo, que aínda non publicou un libro individual, si participou en distintos proxectos colectivos e o seu nome pertence ao grupo das voces emerxentes actuais.

Por último, no apartado de ESO, Claudia Romero Dorna alzouse co premio grazas ao poema Danza dos corpos inertes. Romero Dorna é unha alumna de 4º de ESO que estuda no IES Francisco Aguiar de Miño.

Cada unha das categorías conta coa súa correspondente dotación económica, o cal converte este galardón no máis importante do nivel estudiantil que existe en Galicia. En Primaria o premio é de 200 €, en ESO de 300 €, en Bacharelato de 400 € e en Universidade e Ciclos formativos de 2º grado o premio chega aos 600 €.

O festival Alguén que respira! convoca o premio como un apartado específico do seu programa co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural.


 

Chega a VII edición do Alguén que respira!: Poesía en territorio de conflito

O programa da VII edición do festival Alguén que respira! está xa pechado e, un ano máis, converterá Compostela no cumio galego da poesía. Fiel á súa vocación de crear un marco de reflexión sobre a realidade e a sociedade actual, o festival terá este ano como eixo temático a poesía en territorio conflito, con especial atención ás áreas de enfrontamento bélico, pero tamén as tensións sociais, a das identidades ou as que suceden no corpo. Serán tres días intensos de recitais que se iniciarán o xoves 21 de marzo no Teatro Principal coa lectura do manifesto que escribiu Alfonso Armada para o Día Mundial da Poesía e concluirá na Igrexa da Universidade o día 23 cun encontro de auténtico luxo onde a música e a poesía se mesturarán da man de Guadi Galego, Alidé Sans, Eskarnia e No Poet.

Neste respira!, que estrea novo logo realizado por Manuel Martínez, teremos oportunidade de escoitar voces de territorios xeográficos distantes que viven, desde hai anos, en medio de escaladas bélicas. Fronte a ese horizonte, o festival quere abrir ambitos de reflexión e de encontro. Deste xeito, o día 22 de marzo recitarán Hasmik Simonian, Nigar Arif, Mohamed Bitari, Tal Nitzan, Zara Hasnaui, Karima Ziali e Hekin Sefkan, acompañados por Isabel Martín e Samuel Merino.

O recital inaugural é unha oportunidade única de escoitar xuntos, nunha improvisación de jazz e de lectura poética, a proposta de María do Cebreiro con Abe Rábade, un dos pianistas máis celebrados do panorama peninsular. Os dous irmáns reúnense por primeira vez desde hai vinte anos para un recital que aposta por fundir, precisamente, a música e a palabra. Nesa liña inscríbese a proposta da catalana María Sevilla ou a poesía sonora do aragonés Gustavo Giménez. Canda eles, unha das figuras máis fascinantes do ámbito performático europeo e, sen dúbida, un dos activistas trans máis radicais de Portugal, André Tecedeiro.

Mantense a xa habitual sección de Atravesei a cerca, unha iniciativa que fai de todo o Teatro Principal un espazo para a poesía, permitíndolle aos asistentes non só coñecer e escoitar as propostas de Olalla Cociña, Dores Tembrás, José María Cumbreño e Luís López Alonso con Rafael Mallo, senón tamén explorar ámbitos de acceso restrinxido como o faiado do teatro –que permanece inalterado desde o se´culo XIX–, os cameríns, a chácena ou as terrazas.

O programa inclúe, ademais, unha serie de cafés-faladoiro para facilitar tamén o debate ou a entrega da segunda edición do Premio respira! para estudantes, o máis importante desta caste en Galicia, destinado a fomentar a poesía entre a rapazada. Ten catro categorías: primaria cunha dotación de 200€, ESO con dotación de 300€, bacharelato con 400€ e universidade / ciclos formativos de 2º grado con dotación de 600€.

Como conseguir as entradas

Para asistir ao festival pódense retirar as entradas na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo dos recitais (teléfono 981 571 026).

Todas actividades teñen carácter gratuíto ata esgotar aforo!!!!

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que cada ano se publica con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.

Comeza o sexto Respira!, o gran acontecemento poético de Galicia

Faltan só horas para que comece no Teatro Principal de Compostela o festival Alguén que respira!, o grande acontemento poético de Galicia. Articulado este ano arredor da ecopoesía, o Respira! reúne no seu programa a algunhas das figuras de maior compromiso co alento ecolóxico da literatura, desde Jorge Richmann (na imaxe), Versofonía ou Amorante a poetas como Carlos Solla, Rosa Berbel, Keith Payne ou Jansky. Serán catro días intensos que se inauguaran este sábado día 18, ás 12,30 do mediodía, cun café faladoiro no ambigú do Teatro Principal onde participan María Xesús Nogueira –a máis representativa investigadora da ecopoesía en Galicia– e Rosa Belber, poeta andaluza que desde hai anos esculca as canles ecopoéticas.

Xa pola tarde, dará comezo o programa de recitais con catro voces escintilantes. Jorge Riechmann é un referente en España do ecoloxismo social, profesor de ética e filosofía política en Madrid. Canda el estarán María Grandío, escritora emerxente da nova poesía galega, caracterizada por unha poderosa presenza escénica; a propia Rosa Berbel, e Amorante, que desde Euscadi navega con xenio visionario as augas da música e da poesía.

O programa, nos días sucesivos, inclúe as propostas de Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer,  Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas.


 

O Premio Respira! xa ten gañador*s: Daniela Rial Estévez, Xurxo González Rodríguez, Amalia Blanco Pose e Daniel Souto Pazó

O I Certame de Poesía Respira! xa ten gañadores: Daniela Rial Estévez do CPI de Cova Terreña en Baiona; Xurxo González Rodríguez do IES Río Cabe de Monforte de Lemos; Amalia Blanco Pose do IES Terra do Xallas de Santa Comba e Daniel Souto Pazó do ETSE da Universidade de Santiago de Compostela. O premio convocouse, dentro do festival Alguén que respira!, co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural. Está organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 O galardón está dividido en catro apartados: Educación Primaria, cunha dotación de 200€, E.S.O. con 300€, Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao con 400€ e, finalmente, Universidade e ciclos formativos de 2º grao con 600€.

Os gañadres lerán os seus poemas en Compostela, no recital colectivo o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. O tema central desta primeira edición foi a ecoposía como ferramenta contra o cambio climático.

Daniela Rial Estévez naceu en 2012 e estuda 5º de Primaria no CPI de Cova Terreña en Baiona. O seu poema leva por título A terra chora.  Xurxo González Rodríguez, pola súa banda, estuda cuarto de ESO no IES Río Cabe de Monforte de Lemos e presentou o poema Spes. Amalia Blanco Pose cursa 1º de Bacharelato no IES Terra do Xallas de Santa Comba e gañou o apartado con Dun mirar de cor verde cremado. Por último, Daniel Souto Pazó estuda Segundo de Enxeñería Informática na ETSE de Santiago de Compostela e o seu poema titúlase Escarnio.

O xurado do certame estivo formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, coordinadora do premio xunto a Antón Lopo, director do festival Respira!. Os poemas gañadores aparecerán no volume 22 ecopoemas contra o cambio climático, que se distribuirá no festival e no que tamén figuran textos de Margarita Ledo, Ismael Ramos, Helena Villar, Arancha Nogueira, Roberto Abuín, Ramón Blanco, Tino de Féliz, Xabier Cordal, Genaro da Silva, Tamara Andrés, Antía Otero, Miro Villar, Rebeca Baceiredo, Iago González, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Olalla Cociña e Clo Plas.


 

VI Festival Respira!: Catro días de poesía para construír o futuro

 Amorante

O festival Alguén que respira!, o grande acontemento poético do ano en Galicia, apura os últimos preparativos antes de erguer o pano do Teatro Principal de Compostela, sede central dun encontro que se inaugura o sábado 18 de marzo ás 20 horas e que se prolonga ata o martes 21, Día Mundial da Poesía. Dous días antes, o xoves 16, o programa será presentado nunha roda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón –que organiza o encontro– e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, que apoia o festival desde a súa primeira edición. Canda eles, estará o director do respira!, Antón Lopo. Toda a información e os detalles do programa están dispoñibles na web alguenquerespira.gal.

 Jansky

As entradas para o festival saen o mércores día 15 de marzo na web compostelacultura.gal e tamén se poderán retirar desde ese mesmo dia no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Por último, o despacho de billetes do Teatro Principal estará aberto desde unha hora antes do comezo dos recitais (teléfono 981 571 026).

 María Grandío

O tema central da edición é a ecoposía como ferramenta para loitar contra o cambio climático e nesa aposta, inclúese a publicación dun volume con 22 ecopoemas realizados expresamente para o encontro. Nel aparecerán, así mesmo, os catro poemas gañadores do I Certame de Poesía Respira! para estudantes.

O programa resulta tan irresistible pola diversidade (e calidade) das propostas como polos contidos, coa poesía como elemento aglutinante e reflexivo. Nel figuran Amorante, Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel, Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer,  Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas.


 

A ecopoesía como estratexia contra o cambio climático será o eixo do festival

Está todo listo para que o próximo sábado 18 de marzo dea comezo no Teatro Principal de Santiago de Compostela a sexta edición do Alguén que respira!, o grande acontemento poético do ano. Serán catro dias cun programa engaiolante articulado, nesta ocasión, arredor do lema Ecopoesía contra o cambio climático, o cal o converte no encontro máis importante que se celebrou nunca en Galicia sobre ecopoesíaEntre as propostas que poderemos sentir ata o 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– figuran Amorante, Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel, Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer,  Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas. O programa resulta tan irresistible pola diversidade (e calidade) das propostas como polos contidos, coa poesía como elemento aglutinante e reflexivo.

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación, Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que cada ano se publica con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.


 

Case cen traballos compiten polo Premio do I Certame de poesía Respira!

Con motivo da VI edición do Festival Alguén que respira,  impulsouse a I edición do Certame Respira!, dirixido a fomentar a poesía como impulso das ideas e que tamén ten como obxectivo facer do galego un idioma de intercambio cultural. Ao certame, organizado ao igual que o festival polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüístic,  presentáronse preto de cen traballos, todos eles centrados no tema do Cambio de Clima e os legados culturais da vida, eixo desta edición do festival.

O certame divídese en catro categorías: Educación Primaria, E.S.O., Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grado e Universidade e Ciclos formativos de 2º grado. Cada unha das categorías conta coa súa correspondente dotación. Educación Primaria: un premio de 200 €. E.S.O. un premio de 300 €. Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grado: un premio de 400 €. Universidade e Ciclos formativos de 2º grado: un premio de 600 €.

O xurado estivo composto por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, encargada de coordinar o certame punto ao director do festival, Antón Lopo. Esta mesma semana farines públicos os nomes dos gañadores.


 

Projecto Mourente inspírase na poesía de Cortegoso, Ana Romaní, Lois Pereiro, Lorena Souto e Carlos Callón

A poesía de Ana Romaní, a de Francisco Cortegoso, Lorena Souto, Carlos Callón ou Lois Pereiro son algunhas da inspiracións para o recital que este sábado día 20 de marzo, a partir das 21,30 horas, presenta no festival Alguén que respira! o heterodoxo Projecto Mourente [alcume baixo que traballa Carlos Valcárcel]. O recital  é un encargo do propio festival que el desenvolve na fusión de ritmos e latitudes onde non faltan o beats discotequeiros e que lle dan sempre aos traballos de Mourente o seu particular selo. Carlos Valcárcel é profesor e investigador na Universidade de Vigo. Desenvolve a maior parte do seu labor na Facultade de Educación do campus de Pontevedra, onde ensina didáctica das linguas segundas e estranxeiras. Nos últimos anos, Valcárcel participou en proxectos de moi diverso tipo, desde a xeración automática de texto até a cooperación con Latinoamérica para fomentar o traballo colaborativo, pasando pola elaboración de diccionarios electrónicos multilingües.

Continuar lendo “Projecto Mourente inspírase na poesía de Cortegoso, Ana Romaní, Lois Pereiro, Lorena Souto e Carlos Callón”

Alberto Mira e a súa crónica do devir

Alberto Mira, que abre os cafés de reflexión no ambigú do Teatro Principal o sábado día 19, a partir das doce do mediodía, centrarase sobre algúns temas de Crónica dun devir, un ensaio no que reflexiona sobre o “nós”  queer a partir da súa relación vital. Un “nós” queer, gai, LGTBI, ademais do seu “feito social”, sempre ten unha vertente que é histórica. A posta en marcha dun movemento que se inicia nos anos vinte do século pasado –documentado xa na década dos setenta– está cada vez mellar documentado e a liña que se suxire é unha liña de “liberación”, de loita contra o  heterosexismo. Dado que o heterosexismo segue vivo, o proxecto non pode considerarse esgotado. Con todo, opina Mira, esta liña de desenvolvemento tende a dar as costas a outros dous aspectos do que somos, ambos tamén suxeitos á historia e moi difíciles de fixar en termos de progreso.

Por unha banda, está o traballo sobre procesos de subxectivación. Por outra, de maneira máis delicada, a reflexión sobre o lugar do erótico na constitución do nós. Dado o carácter fluído do erótico e o emocional, a miúdo considerouse que non forman parte dun proxecto progresista. En realidade, asegura o activista convidado ao Respira!, as reservas son certas pois, como suxire Leo Bersani, hai terreos, centrais no “nós”, que non concordan cos fins do activismo.

O segundo aspecto sobre o que Mira se propón reflexionar é o impacto que tivo no “nós” a centralidade das redes sociais desde 2010: somos o mesmo? definímonos do mesmo xeito? Estas son algunas das cuestións que intentará contestar nun faladoiro que estará presentado por Alberto Fernández Peón.


 

Todo listo para que a poesía se entregue ao corpo no festival Alguén que respira!

Está todo listo para que mañá venres, día 18 de marzo, Moisés e Simón –os técnicos do Teatro Principal– levanten o pano do escenario e para que Baltasar Patiño nos sorprenda de novo cos seus horizontes lumínicos. Para que soe a sintonía do festival composta por David Graña e dea comezo a quinta edición do Alguén que respira!, o grande acontecemento poético do ano en Galicia. Serán catro dias cun programa engaiolante articulado, nesta ocasión, arredor do lema Corpos, disidencias, desexo. Entre eses corpos e disidencias que poderemos sentir ata o 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– figuran Paula Luís, Elizabeth Duval, Teresa Moure, Miren Agur Meabe, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní, Claudio PatoCarlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey,  María Callís Cabrera, Marga Tojo, Jesús Castro YáñezMiguel Anxo Fernán Vello, Antom Fortes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha traxectoria tan poderosa como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente.

Preparádevos porque comeza o programa máis irresistible que podades imaxinar sobre o debate identitario, coa poesía como elemento aglutinante e tamén con espazo para a reflexión da man de Alberto Mira, Brigitte Vasallo, Daniela Ferrández e Paulo Filgueiras, acompañados por Nee Barros, Alexandre Fernandez Peón e Sara Guerrero. Trátase, sen dúbida, dunha experiencia única no estado.

Toda a información e os detalles da programacion poderedes atopala na web alguenquerespira.gal. Para as entradas, a web de reserva é compostelacultura.gal


 

Nee Barros, Alexandre Fernández Peón e Sara Guerrero presentan os falandoiros das mañas no ambigú do Teatro Principal

 

Tres presentadores de excepción para os faladoiros matutinos con café que celebra o Alguén que respira! polas mañás, a partir das doce. O primeiro dos cafés ten lugar o sábado día 19 con Alberto Mira como protagonista, unha das referencias imprescindibles dos estudos sobre a homosexualidade en España. O encargado de presentalo é Alexandre Fernandez Peón, responsable das redes sociais do festival e unha das figuras de maior personalidade dentro da poesía galega actual. Licenciado en Periodismo, Fernández Peón participou, entre outros proxectos, no volume Dentes para a mazá.

O domingo –día 20– é a quenda de Elizabeth Duval e Daniela Ferrández, que nos últimos anos se convirteron nas grandes pensadoras do feito trans en España e en Galicia. Para presentalas, o Respira! conta coa presenza de Nee Barros (Ourense, 2002), youtuber e escritor que reflexiona na súa obra sobre as opresións vencelladas ao xénero. En 2017 saiu do armario como persoa trans e froito dese proceso (“difícil “, asegura) é a súa peza teatral Identidade.

Xa no luns 21 –Día Mundial da Poesía–, o faladoiro xirará arredor das achegas de Brigitte Vasallo e Paulo Filgueiras, que fará un relatorio sobre a presenza da poesia homoerótica na literatura galega. Para facer a introdución ao acto contaremos coa prezenza de Sara Guerrero, unha das mais esixentes periodistas galegas de temas culturais que publica os seus traballos en El Salto.