Chega a VII edición do Alguén que respira!: Poesía en territorio de conflito

O programa da VII edición do festival Alguén que respira! está xa pechado e, un ano máis, converterá Compostela no cumio galego da poesía. Fiel á súa vocación de crear un marco de reflexión sobre a realidade e a sociedade actual, o festival terá este ano como eixo temático a poesía en territorio conflito, con especial atención ás áreas de enfrontamento bélico, pero tamén as tensións sociais, a das identidades ou as que suceden no corpo. Serán tres días intensos de recitais que se iniciarán o xoves 21 de marzo no Teatro Principal coa lectura do manifesto que escribiu Alfonso Armada para o Día Mundial da Poesía e concluirá na Igrexa da Universidade o día 23 cun encontro de auténtico luxo onde a música e a poesía se mesturarán da man de Guadi Galego, Alidé Sans, Eskarnia e No Poet.

Neste respira!, que estrea novo logo realizado por Manuel Martínez, teremos oportunidade de escoitar voces de territorios xeográficos distantes que viven, desde hai anos, en medio de escaladas bélicas. Fronte a ese horizonte, o festival quere abrir ambitos de reflexión e de encontro. Deste xeito, o día 22 de marzo recitarán Hasmik Simonian, Nigar Arif, Mohamed Bitari, Tal Nitzan, Zara Hasnaui, Karima Ziali e Hekin Sefkan, acompañados por Isabel Martín e Samuel Merino.

O recital inaugural é unha oportunidade única de escoitar xuntos, nunha improvisación de jazz e de lectura poética, a proposta de María do Cebreiro con Abe Rábade, un dos pianistas máis celebrados do panorama peninsular. Os dous irmáns reúnense por primeira vez desde hai vinte anos para un recital que aposta por fundir, precisamente, a música e a palabra. Nesa liña inscríbese a proposta da catalana María Sevilla ou a poesía sonora do aragonés Gustavo Giménez. Canda eles, unha das figuras máis fascinantes do ámbito performático europeo e, sen dúbida, un dos activistas trans máis radicais de Portugal, André Tecedeiro.

Mantense a xa habitual sección de Atravesei a cerca, unha iniciativa que fai de todo o Teatro Principal un espazo para a poesía, permitíndolle aos asistentes non só coñecer e escoitar as propostas de Olalla Cociña, Dores Tembrás, José María Cumbreño e Luís López Alonso con Rafael Mallo, senón tamén explorar ámbitos de acceso restrinxido como o faiado do teatro –que permanece inalterado desde o se´culo XIX–, os cameríns, a chácena ou as terrazas.

O programa inclúe, ademais, unha serie de cafés-faladoiro para facilitar tamén o debate ou a entrega da segunda edición do Premio respira! para estudantes, o máis importante desta caste en Galicia, destinado a fomentar a poesía entre a rapazada. Ten catro categorías: primaria cunha dotación de 200€, ESO con dotación de 300€, bacharelato con 400€ e universidade / ciclos formativos de 2º grado con dotación de 600€.

Como conseguir as entradas

Para asistir ao festival pódense retirar as entradas na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo dos recitais (teléfono 981 571 026).

Todas actividades teñen carácter gratuíto ata esgotar aforo!!!!

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que cada ano se publica con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará