Comeza o sexto Respira!, o gran acontecemento poético de Galicia

Faltan só horas para que comece no Teatro Principal de Compostela o festival Alguén que respira!, o grande acontemento poético de Galicia. Articulado este ano arredor da ecopoesía, o Respira! reúne no seu programa a algunhas das figuras de maior compromiso co alento ecolóxico da literatura, desde Jorge Richmann (na imaxe), Versofonía ou Amorante a poetas como Carlos Solla, Rosa Berbel, Keith Payne ou Jansky. Serán catro días intensos que se inauguaran este sábado día 18, ás 12,30 do mediodía, cun café faladoiro no ambigú do Teatro Principal onde participan María Xesús Nogueira –a máis representativa investigadora da ecopoesía en Galicia– e Rosa Belber, poeta andaluza que desde hai anos esculca as canles ecopoéticas.

Xa pola tarde, dará comezo o programa de recitais con catro voces escintilantes. Jorge Riechmann é un referente en España do ecoloxismo social, profesor de ética e filosofía política en Madrid. Canda el estarán María Grandío, escritora emerxente da nova poesía galega, caracterizada por unha poderosa presenza escénica; a propia Rosa Berbel, e Amorante, que desde Euscadi navega con xenio visionario as augas da música e da poesía.

O programa, nos días sucesivos, inclúe as propostas de Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer,  Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará