Conta atrás para celebrar en Compostela a quinta edición do Alguén que respira!

Alguén que respira!, o festival de poesía de Compostela, chega á quinta edición recuperando o seu modelo orixinal de catro xornadas consecutivas de programa, que se desenvolverán no Teatro Principal entre o 18 e o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. Ademais celebraremos unha sesión previa o  domingo 13 de marzo –a partir das oito da tarde– con Alejandro Palamos como figura central.

A maior novidade desta quinta edición é que o respira! xirará arredor dun lema vertebrador: Corpos, disidencias, desexo.  Baixo el, o programa reunirá en Compostela a boa parte das persoas que de maneira máis activa esculcaron na cuestión identitaria ao longo das últimas décadas. Sen dúbida, estamos ante unha oportunidade unica de escoitar voces e corpos de disidencia, desde Elizabeth Duval a Teresa Moure, pasando por Luís Antonio de Villena, Carlos Callón, Luís Muñoz, Alberto Mira, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes ou Daniel Asorey.

O festival inaugúrase, como é habitual, cun recital onde conflúen distintas linguas ibéricas. Será o día 18, venres, e sobre o escenario do Teatro Principal de Compostela escoitarase ao portugués António Barahona nunha das excepcionais ocasións en que recita en público, á catalana María Callís Cabrera, á galega Ana Romaní e á vasca Miren Agur Meabe, recente Premio Nacional de Literatura.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará