Tres espazos case descoñecidos –ou mesmo inéditos– do barrio de San Pedro e tres poetas de voz poderosa. Esa é a proposta de Atravesei a cerca, sección do festival Alguén que respira! que intenta servir de cartografía exploratoria de Compostela. O programa comeza ás 19.30 no xardín da Maceta con Séchu Sende, continúa ás 20 horas na terraza do centro sociocultural da Trisca con Javier Peñafiel e conclúe ás 20.30 no museo ao aire libre do artista forxador Berto Leis, na rúa rúa Pablo Leis, unha calella transversal á Costa do Vedor. As únicas 25 entradas do percorrido estarán dispoñibles para as 25 primeiras persoas que cheguen á Maceta.
O programa do respira! para setebro iniciouse o martes 21 no Teatro Principal co recital O ruído do lume, unha acción poética que se aproximaba á historia recente da poesía galega a través dalgunhas voces que, precisamente, a converteron nun fenómeno internacional. Era unha oportunidade única para sentir nun mesmo espazo a Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro Tobío, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño. E a resposta das espectadoras e espectadores resultou masiva. Foi, sen dúbida, un dos grandes acontecementos da historia deste festival que naceu hai catro anos e que en cada edición rexistra un cheo total nas súas actividades.
Para pechar o programa de setembro, co que celebramos o equinoccio de outono, Atravesei a cerca sae ao exterior do Teatro Principal [sede oficial do festival] e lévanos por espazos do barrio de San Pedro. Neste percorrido tan especial descubriremos tres horizontes moi distintos de Compostela. Para moitos, será unha gran sorpresa, non só física senón tamén intesa pola personalidade dos tres artistas que os acompañarán na súa experiencia.
No xardín da Maceta, achegarémonos ás zonas verdes interiores, tan prezadas tradicionalmente nunha cidade abigarrada e de clima cambiante. Logo, iremos á terraza do centro sociocultural da Trisca, a gran atalaia desde a que descubrir a confluencia histórica da capital galega coas montañas que rodean e o val da Amaía ao fondo. Para acabar, o programa trasládanos a un espazo verde de maza, no límite xa da zona histórica compostelá. Pero non é un espazo calquera senón o museo de Berto leis, herdeiro dunha estirpe de forxadores que houbo nesta área –incluíndo a rúa das Fraguas– e que desenvolve desde hai anos en silencio unha obra persoal de evocación surrealista. O seu museo ao aire libre é unha das xoias ocultas do país. Por vez primeira convértese en espazo visitable.