Desde este venres 15 pódense reservar as entradas para o festival Alguén que Respira!

II / O poeta palestino Mohamad Bitari encabeza o cartel dun programa que ten como eixo temático o conflito

II / A pacifista hebrea Tal Nitzan participa no recital inaugural, despois da lectura do manifesto de Alfonso Armada

II / Nos tres días do programa haberá oportunidade de experiencias únicas, como a improvisación de jazz de Abe Rábade xunto a súa irmá María do Cebreiro a partir de poemas de A lentitude

II / O portugués André Tecedeiro abordará o conflito das identidades nos colectivos Lgtb mentres a sección Atravesei a cerca permitirá escoitar as voces de catro poetas nos espazos ocultos do Teatro Principal de Compostela

 

Desde as once da mañá deste venres día 15 están dispoñibles a entradas –todas gratuítas– para asistir aos recitais do festival Alguén que respira!, o gran acontecemento poético de Galicia que cada 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– se celebra en Compostela Organizado polo Concello da cidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o festival desenvólvese en tres días de programa, desde o xoves 21 ao sábado 23. Como escenario terá o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade, espazo onde celebraremos o concerto-recital de clausura cun despregamento impactante de música e poesía da man de Guadi Galego con Su Garrido, a rapeira Eskarnia, a cantante do Val de Arán Alidé Sans e o dúo de tecno-poesía valenciano No Poet.

As entradas pódense reservar na web de compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do recital (teléfono 981 571 026).

O festival ofrece oportunidades únicas de asistir a propostas que, probablemente, non se repetirán nunca, como a da poeta María do Cebreiro co pianista Abe Rábade, que farán convivir a poesía do libro A lentitude coa improvisación dun dos jazzistas máis admirados da escena internacional. Tamén coinciden no festival un poeta palestino tan excepcional como Mohamad Bitari cunha poeta pacifista hebrea como Tal Nitzan. Canda eles, poesía saharaui, rifeña, kurda… Un completo percorrido por algúns dos conflitos que están a marcar a actualidade no mundo.

O recital inaigral, que estará precedido polo manifesto de Alfonso Armada, contará coa presenza de André Tecedeiro, un home trans que se convertiu no centro do activismo Lgtb en Portugal, ou María Sevilla, que desta volta trae ao festival a súa proposta híbrida de poesía e música. Tamén estará canda eles a fascinante poesía sonora do aragonés Gustavo Giménez.

O Respira! tamen ten un premio literario para estudantes que este ano gañaron Aroa Misa García, de quinto de primaria, co seu poema Si e non; Serxio Abalo con Uxío en universidade e Claudia Romero Dorna en ESO con Danza dos corpos inertes.