Dúas rutas de regueifas para o 21: desde o Toural e Praterías ata o Teatro Principal

A nova xornada do festival Alguén que respira!, que se desenvolverá o vindeiro luns 21 de xuño, terá dous grandes protagonistas, a ópera Salt itinerary de Miguel Azguime [que se representa no Teatro Principal a partir das 20,30 horas] e unha sesión de regueifas polas prazas da cidade. Aínda que para asistir á ópera de Azguime, un dos máis poderosos performers portugueses dos últimos anos, será preciso reservar entradas, a asistencia á sesión de regueifas é en aberto.

Serán dúas parellas de regueifeiros que sairán de dúas prazas da cidade, Praterías e O Toural a partir das 19 horas. Desde esas prazas, farán un percorrido que irá tentando atrer un grupo de asistentes para a confluencia dos catro regueifeiros no Teatro Principal, que será onde conclúa o percorrido. Nesa última regueifa, ademais, utilizarán distintos instrumentos. Os catro regueifeiros que participan no festival son Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto.

No caso de que a tarde sexa de chuvia, organizouse unha sesión alternativa en diferentes espazos do propio Teatro Principal.

Desde a súa primeira edición, o Alguén que respira! fixo unha aposta clara pola oralidade e o fenómeno da regueifa. Ademais de abrirlle un espazo propio na programación, o festival incluiu espectáculos de versificadores doutras latitudes e idiomas, como os bertsolaris vascos.