Escoita e respira!

O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia únense para unha iniciativa que este xoves, Día Mundial da Poesía, agasalla cun ramo de flores a todas as persoas que merquen na cidade un libro de poemas.

O festival exténdese á Coruña cun programa de catro xeiras que recompón a distancia entre as dúas urbes e celebra simultaneamente a xornada.

Durante tres días Compostela abre os pulmóns da poesía coa segunda edición do festival Alguén que respira!, o máis importante encontro da oralidade poética da península. Serán máis de cincuenta poetas, performers, músicos e actrices ou actores que celebrarán a forza aglutinadora da poesía cunha eclosión de voces, sensibilidades e linguas. Gologona Anghel, Méndez Ferrín, Raúl Zurita, Elisa Lucinda, Hard GZ, Ana Romaní, Elena Medel, Pilar Pallarés, García Mc, José Luis Piquero, Afonso Traficante, Estevo Creus, Lucía Aldao, Alfonso Palomas, Gonzalo Hermo ou Pablo X Suárez son só algún dos nomes que se asomen ao Teatro Principal de Compostela, nun programa tan intenso como esixente na calidade. Con só dúas edición o Alguén que respira! é xa unha referencia na forma de concibir e de difunfir da poesía. Organizado pola Concellería de Cultura de Compostela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística,  o festival repartiu en distintas librarías da cidade centos de flores para agasallar as persoas que durante o 21 de marzo merquen un poemario. Os ramos son de fresias, que rebentan en marzo e que, na linguaxe das flores,  ten o significado da inocencia e da reflexión. A iniciativa, insólita en Galicia no fomento da lectura, é unha acción máis do festival para converter o Día Mundial da Poesía nunha auténtica festa popular.

Boa proba desta vontade de impulso popular é que o festival se inaugurará mañá xoves, día 21, ás doce do mediodía cunha salva de bombas para anunciar a chegada da primavera e a celebración da creación literaria. Serán dez minutos de estouros que pretenden sacodir o corazón dos santiagueses para abrilos ás experiencias da poesía como signo de indagación na verdade. Pouco despois, xa no ambigú do Teatro Principal, terá lugar o primeiro dos café-conversa, coa participación dunha das celebridades da poesía hispanoamericana actual, Raúl Zurita, que estará acompañado por Silvia Penas e o poeta e xornalista Anxo Quintela, mantedor do encontro. Será o incio dunha xornada inesquecible para os afeccionados, xa que pola tarde, a partir das seis e media, reencóntranse no escenario do Principal os membros do coletivo Ronseltz, que levan máis de trinta anos sen reunirse e que, nun acto introducido pola crítica Helena González e o editor Paco Macías, non só lembrarán o impulso da súa enerxía colectiva senón que tamén farán un percorrido polas súas traxectorias e momento actual das súas respectivas producións. A oportunidade é única para ver reunidos a Xabier Cordal, Manuel Cortés, Xoán Carlos Rodríguez, Serxio Iglesias e Miki Nervio, os cinco integrantes deste grupo caracterizado polo uso do humor e a ironía.

Ese mesmo día, pero a partir das 20.30 horas, o Teatro Principal celebrará o Día Mundial da Poesía cun recital no que Xosé Luís Médez Ferrín lerá o Manifesto galego da xornada, encargo do propio festival ao escritor. Pouco despois, intervirán Pilar Pallarés e Estevo Creus por Galicia, Golgona Anghel pola lingua portuguesa, Sònia Moll pola catalá e José Luis Piquero polo castelán. Para pechar o acto, o festival presenta a unha das figuras máis fascinantes da poesía mundial, o chileno Raúl Zurita, probablemente a voz máis prestixosa da poesía en español que continúa en plena ebulición de rebelión física e creativa.

Un libro exepcional para un festival único

Con motivo da celebración do festival, a Concellería de Cultura da cidade e a secretaría de Política Lingüística editaron un libro co programa completo do ciclo e as achegas poéticas de cada un dos participantes. O libro, deseñado por Manolo Martínez, presenta, xunto a un pequeno perfil biográfico, importantes novidades literarias, xa que nel aparecen textos inéditos, reflexiónsd de periodistas como María Obeleliro, Caetano Díaz ou Dani Salgado, apuotamentos de editores como Wladinir Vaz e Miguel Anxo Fernán Velo, ou achegas reveñadoras de Marta Dacosta e Mario Regueira. Entre os inéditos, novidosas cahegas de Iolanda Zúñiga, Luís Tosar, Manuel Cortés, Silvia Penas ou Xabier Fernández.

O festival exténdese á Coruña con Tribuna Pública

Alguén que respira! amplía nesta segunda edición o seu abano de propostas cunha extensión na Coruña, a través de Tribuna Pública, experiencia desenvolvida desde o Concello da cidade baixo a dirección de Xoán de Nieves. Esta extensión supón que tanto na Coruña como en Compostela se poderán ver, de maneira conxunta, agunhas das propostas máis singulares das seleccionadas para esta edición do festival. Deste xeito, o día 21, a carpa que acolle os actos de Tribuna Pública será o escenario do torneo de Slam, presentado por Esther Carrodeguas con música de Juanma LoDo, no que participan Duke Sam, Celia Parra, Vanessa Glemsel, Clara Gayo, Silvia Casal, Carmen Conde, Iolanda Zúñiga e Luix Kaf.

Será xa o día 22, venres, cando lle chegue a quenda ao poeta chileno Raúl Zurita, que estará acompañado por Alberto Pombo, un dos seus máis aprezados amigos coruñeses. O sábdo 23, actuarán na Tribuna Pública, instalada na praza da Fábrica de Tabacos, o proxecto El Velcro, fomado por Pablo X Suárez e Dudu, dous dos máis prestixiosos artistas do tecno-bable. Finalmente, o Alguén que respira! Coruña péchase o domingo 24 coa actuación dun dos rapeiros españois de maior carisma e compromiso social, a xa auténtica celebridade Hard GZ.

Nove estreas exepcionais

Alguén que respira! aposta pola produción propia, de xeito que nos tres días de programa poderanse presenciar até oito estreas absolutas de creadores pertencentes a ámbitos heteroxéneos, pero unidos na magnética da poesía. Poetas, instrumentistas, compositores e compositoras, actores, actrices, performers ou videocreadoras ofrecénnos os seus traballos de hibridación artística, indagando en linguaxes propias e alleas, arriscándose coa palabra ou co silencio, co ruído ou coa voz, pero sempre en contacto coa indicible condición de asombro e estrañeza que contén a poesía.

O verbo e o ritmo / García Mc e LAR Legido / Día 22, 20.30 h

A proposta do rapeiro García Mc e do batería LAR Legido titúlase O verbo e o ritmo, e é resultado dunha serie de colaboracións que veñen realizando desde hai algñun tempo. Trátase de dous traballadores do verbo e do ritmo que fan un chamado a amasar a palabra para construír a casa da verdade nun tempo multiforme que fixo posible a existencia do mundo. A performance que propoñen é reflexo da necesidade vital para que o mundo exista: esencia primordial desenvolta en manifestación, en palabras de Astrid Vorglimler.

Rabuda e Nuria Vil /  Día 22, 20.30 h

Rabuda e Nuria Vil estrean proxecto poético e musical no festival. A banda de rock cavernoso e intimista con tragos de psicodelia e new wave mestúrase coa palabra de Nuria Vil. O grupo fórmano Isa Mariño na batería e a voz, Sandra Romero no baixo e Víctor Rivas na guitarra e voz.

Groenlandia / Margarita Ledo / Día 23, 19.00 h

Groenlandia é o título do poema visual que Margarita Ledo estrea no respira! Trátase, segundo as súas palabras, dunha «imaxe do por-vir: peza de xeo made in Groenlandia; que acaricias, que gardas na cicatriz da memoria; que fotografas. E delas fica o bronce distante, adorno distante no xardín. Cae a auga…».

2%. Un recital para esquecer / Ana Romaní e Chus Silva / Día 22, 20.30 h

Ana Romaní e Chus Silva estrean a súa proposta 2%. Un recital para esquecer, onde os poemas de Romaní se mesturan co espazo sonoro de Silva. A súa actuación no faiado do Teatro Principal dálles pé a unha investigación que parte dun elemento central: no faiado gárdase o que a memoria quere preservar e xa non lembra, lugares nos que o son pervive coma un eco, restos de algo que nos acompañou, pegadas que tod*s esquecen.

O camiño de Ofelia-alien / Monica Caamaño / Día 23, 21.00 h

Mónica Caamaño estrea no respira! O camiño de Ofelia-alien, un encargo do propio festival sobre textos de Chus Pato. Esta actriz licenciada en Filoloxía galego-portuguesa que se converteu nunha das presenzas máis populares dos escenarios e da televisión, parte dunha idea: a poesía sempre estivo aí, na raíz, na cerna. Ela adoita coller versos e manipulalos, «para seren outras falas noutro corpo. Versos andar primeiro de río, palabras que me aprenderon a ladrar, sentires que me disparan buscando unha permanencia… (chámalle corpo en escena, se queres…)», explica sobre a peza que presenta no Principal. O punto de partida é m-Talá, libro de Pato que revolucionou a escrita poética en galego. Ese libro, subliña Mónica Caamaño, “entalóuseme. Ou máis ben, un corpo, o de Ofelia, alien: viaxeira das estrelas, pediu outro estar. E niso andei: fracturei, cardei, trencei… manipulei as palabras de Chus para facer un corpo para Ofelia, alien, acuática, narcotizada ou liminal. Quixen experimentarlle un corpo para camiñalo, e imos indo”. Porque, como di a doutora Dehmen [engade] “o importante non é como concibo o poema senón poder interpretalo nunha determinada dirección.”

No espazo que nunca che dixeron / Alfredo Rodríguez / Día 23, 21.00 h

Alfredo Rodríguez presenta o seu proxecto No espazo que nunca che dixeron, co que lle dá continuidade aos seus últimos traballos escénicos vinculados á poesía. A identidade é o eixo temático da investigación física e verbal do proxecto: unha Imaxe, unha voz e un corpo que se move… Ou non. Que mira… Ou non. Que contempla…. Ou non. «Se non te miro», subliña respecto do alento que move No espazo que nunca che dixeron, «non existes. Se non me miras non existo. Aquí… Estou? Baleirémonos para enchernos, para seguir, para estar… ou para ser”. Trátase, en definitiva, dun xogo de cinco poemas doutras tantas autoras e autores, entre eles Xela Arias ou Xesús Castro.

Zunido / Afonso Traficante / Día 23, 21.00 h

O proxecto de Afonso Traficante para o respira! titúlase Zunido e nel a voz que recita está arroupada pola improvisación do vibráfono, instrumento do que el é seu maior especialista en Galicia. Música e poema conviven nun espazo de escoita apracible e atenta, onde se describen paisaxes sonoras: o discorrer da auga dun río como se fose un rumor endóxeno, o bater monótono de martelos ao lonxe, a vexetación que delimita o territorio do corpo. Palabra, melodía e ritmo forman, entón, unha unidade orgánica.

Tempo de espera / Félix e Xabier Fernández / Día 22, 21.00 h

Despois de oito anos da tráxica morte de irmán, Félix Fernández decide traballar cos poemas inéditos escritos por el, coa intención dunha primeira homenaxe póstuma, e co firme desexo de que o público poida descubrir e disfrutar coa épica, e ata o de agora descoñecida, poética electrizante de Xabier Fernández. O resultado é Tempo de espera, encargada polo Alguén que respira! para o último recital do festival. Esta primera parada, xa que o que se nos mostrará será un traballo en proceso, centrarase nunha selección de pezas poéticas do inédito O voo da doncela. Nel, o artista galego mostraranos, coa súa visión performativo-sonoro-musical, ese universo compartido e aínda sen explorar. Tempo de espera é un traballo que fala da ausencia, de estados de anhelo intensos e tamén de comuñón, a través dunha linguaxe evocadora e simbólica, na que o corpo e a posta en escena teñen moito que contar.

Anotacións para un pergamiño portátil / Silvia Penas / Día 23, 21.00 h

A partir de tres cantigas de amigo, pertencentes a Johan Zorro, Joahn García de Guilhade e Martín Codax, Silvia Penas revisita nestas Anotacións para un pergamiño portátil [estrea absoluta e encargo do propio festival] lugares dunha cartografía real, imaxinaria, liminar e tamén transfronteiriza. A voz poética enfúndase nun traxe de efectos sonoros e outros elementos que poderían encadrarse no musical e escénico para tratar de que o discurso e o espazo sonoro sexan un mesmo artefacto. Homenaxe, pois, a trobadores e xograres e á poesía con vocación de ser cantada, mais traída a un código poético actual na boca dunha muller.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *