Este marte 11 de marzo preeséntase no Concello de Santiago, a partir das 12 do mediodía, o programa da oitava edición do festival Alguén que respira!, a cita imprescindible da primavera poética en Galicia. Máis de corenta poetas, músicos ou performers daranse cita no Teatro Principal de Compostela para un programa articulado este ano sobre o eixo Poesía /Vida. A presentación reunirá á concelleira de Capital Cultural de Compostela, Miriam Louzao, institución que organiza o evento, e ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, departamento que apoia tamén o festival. Acompañaraos, o director do Respira!, Antón Lopo.
Un día despois (o mércores 12), daranse a coñecer as gañadoras e gañadores do III Premio Respira para estudantes. Por fin, revelarase quen lerá os poemas na xornada central do festival, o día 21, sobre o escenario do Principal. Como lembraredes, son catro categorías: Primaria, ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, e Universidade ou ciclos formativos de segundo grao.
O Alguén que respira! chega este ano cheo de sorpresas. Ademais dos tradicionais recitais de Poesía para corpo principal e de Atravesei a cerca –co que se percorren os espazos secretos do Teatro Principal–, o festival trae seccións inéditas como O que mutuos somos, sen dúbida unha das apostas máis novidosas do programa. En O que mutuos somos reúnense tres parellas formadas por poetas para esculcar as formas onde a poesía comparte teito coa vida. Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Alicia Fernández e Eduard Velasco ou María Sánchez e José González lerán os seus poemas nun formato limitado a cincuenta persoas, reunidas dentro do escenario do Teatro Principal co telón baixo.
O día 20, xoves, cando se inuagura o Respira!, lerá ás 18,30 horas Xosé María Álvarez Cáccamo o manifesto do Día Mundial da Poesía para dar paso á sección de O que mutuos somos, nese día con Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Posteriormente, terá lugar o primeiro recital de Poesía para corpo principal, con Samer Abu Hawwash, Toni Juncosa, Ailbhe ní Ghearbhuigh, Juanpe Sánchez López e Nieves Neira Roca.
O programa, porén, comezará ás doce do mediodía coa sección Cita no ambigú (Un café, unha conversa, moitas ideas), un faladoiro que se celebra todas as mañás do festival como espazo de reflexión e convivencia. O día 20 estarán no ambigú do Teatro Principal Samer Abu Hawwash e Mohamad Bitari. Os dous poetas comparten o feito de teren nacido no exilio –os campos palestinos de Siria– e viviren exiliados –ambos en Barcelona. Admíranse mutuamente e Bitari traduciu a Samer ao catalán. Para o Respira! reflexionan conxuntamente sobre como se vive a escrita poética desde o exilio.