
Hoxe, mércores 18 de marzo, o festival Alguén que respira! volve levantar o pano do Teatro Principal de Compostela para celebrar a chegada da primavera coa forza da palabra e da voz. Serán catro días de intenso programa no que poderemos non só escoitar a grandes nomes da oralidade en Galicia –desde Estevo Creus e Nuria Vil a Silvia Penas e Samuel Merino, pasando por Isaac Xubín, Lucía Aldao, Nieves Neira e María Grandío– senón tamén sentir os versos en gaélico, portugués, castelán, catalán e vasco a través de poetas de obra tan impactante como a de Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Raquel Patriarca, Simon Ó Faoláin ou Ana Rosetti. Performances, postas en escena, nomes lendarios como Olga Novo e Xabier Cordal, propostas híbridas como a de Ana Romaní e Chus Silva ou a oportunidade de visitar os espazos máis secretos do propio teatro xúntanse con propostas extraoridnarias como a que unirá por vez primeira nun escenario a catro figuras da música contemporánea en Galicia: Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico. E isto é só unha mostra do despregamento que o Alguén que respira! che propón para celebrar o Día da Poesía. Unha oportunidade única de facer memoria e construír futuro.
