‘LuzAzuL’, unha lembranza audiovisual para unha poeta apaixonada

Luz Pozo Garza, a poeta que coa súa obra percorreu case un século de poesía galega, será homenaxe este sábado día 19 polo Alguén que respira!, para o que escribiu o Manifesto da poesía 2020. Estaba previsto que Luz Pozo lese o texto o pasado 19 de marzo pero o aprazamento do festival en primavera frustrouno entón e agora será imposible: o 20 de abril a poeta falecía na Coruña. Esta circunstancia non impedirá que ela, unha muller que dixo nunha ocasión que a morte “en realidade non existe”, teña voz propia no festival cun emocionante vídeo titulado LuzAzuL onde se recrea a súa personalidade e unha lectura do manifesto a cargo da poeta Nieves Neira. O programa do respira! preséntase este xoves, día 17, no Concello de Compostela, impulsor e organizador do festival.

En novembro de 2019, a organización do Alguén que respira! pediulle a Luz Pozo Garza que escribise o Manifesto da Poesía 2020, unha das seccións habituais que compoñen o programa deste festival, organizado polo Concello de Santiago de Compostela para celebrar o Día Mundial da Poesía. Ela acolleu con entusiasmo a idea e durante uns meses reelaborou escritos previos, engadiulle outros novos, e confeccionou un texto que, en principio, debería ler o día 19 de marzo na apertura do festival. O último correo que escribiu sobre a cuestión data do seis de marzo, no que indica certas modificacións sobre o orixinal.

O aprazamento do respira! o 14 de marzo, por mor do decreto de alarma provocado polo covid-19, frustrou a posibilidade de que ela en persoa puidese ler o texto, xa que un mes despois, o 20 de abril, falecía na Coruña. Esta circunstancia non impidrá, porén, que Luz Pozo Garza teña voz propia nesta edición aprazada do festival, co inicial solsticio de primavera trocado polo de outono, entre o 19 e o 21 de setembro.

O respira! réndelle unha homenaxe o sábado 19 –a primeira que se lle tributa á poeta– coa produción dun vídeo onde se reflicte a súa apaixonada personalidade e que permite achegarse ao cosmos creativo dunha muller que viviu con entusiasmo desbordante, artífice dunha poesía que a aproximou ao infalente. Ademais da proxección do vídeo, onde se recollen testemuños facilitados pola TVG, a Universidade de Vigo e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a poeta Nieves Neira lerá o seu manifesto. Margarida Morello foi encargada de realizar a montaje, que conta con música de Antón Seoane e arranxos para arpa de Rodrigo Romaní. Será, sen dúbida, unha das intervencións máis emocionantes do festival. “A morte”, dixo nunha ocasión Luz Pozo, “en realidade non existe”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *