Manifesto ecopoético no Día Mundial da Poesía
Por Claudio Rodríguez Fer
Saúde e poesía a todo o mundo e a toda flora e fauna que o habita:
fentos felices, cereais e poetas, gatos da rúa e gatas da lúa,
traballadores na terra, no mar e na noosfera, peixes, vieiras,
liques, tigres de tenrura, irmandades do sangue e da clorofila,
fungos, todas as árbores e as aves do mundo en harmonía…
Porque quen non está coa vida está coa morte.
A poesía chega plena de amores e cargada de clamores,
forxada contra a intranscendente banalización da cultura,
contra o insostible consumismo irresponsable,
contra a falsaria superficialidade demagóxica,
contra a irreflexiva e insolidaria frivolidade acrítica,
contra o anticlímax ecocida que provoca cambio climático,
quentamento global e efecto invernadoiro no planeta,
contra a guerra que liquida individuos e especies
verdes e de todas as cores do arco iris,
contra o sistema social, económico, político e cultural dominante
que depredou a natureza e degradou o medio ambiente,
desprezando e excluíndo a diversidade cultural de marxes,
de indíxenas, de clases, de peles, de sexos e de xéneros,
e privilexiando unha produción capitalista explotadora e inxusta
ata facelo hexemónico mediante a xerárquica e homoxeneizante
globalización mundial,
contra isto e pola paz natural da biodiversidade en equilibrio
precisamos dun pensamento radicalmente ecolóxico
que nos lembre a interconexión da humanidade
cos demais seres animais, vexetais e minerais
da Terra e acaso do Universo infinito,
sen centros, sen periferias e sen fronteiras,
porque a existencia é sempre coexistencia
en permanente resistencia como o maquis,
e a supervivencia precisa máis que nunca
dunha poética vital que fusione poesía e acción,
xa que, en realidade, contra a parálise,
POESÍA É ACCIÓN
A poesía nunca está nas palabras.
A poesía non está nestas palabras,
senón nos actos que provocan.
Por isto este poema é un acto radical
ou non é nada.
A poesía é dicir, resoltamente,
que a poesía nunca está nas palabras,
senón no que se fai cando se escribe,
senón no que ti fagas cando a leas.
Non existe a poesía,
senón probas de poesía.
A poesía é acción ou non é nada.
Palabra, acto e pensamento,
palabra totalmente integral
que só se produce en liberdade e pola liberdade,
como se crían ceibes sardiñas e anduriñas,
porque poesía é conxuntamente
pensamento, acto e palabra,
materia de onte, de hoxe e de mañá,
como a natureza e a utopía,
sempre proteicas contra o artificio e contra a distopía
e a favor das liberdades que dan vida.
Liberdades para dicir e vivir o que non se pode dicir e vivir doutro xeito,
porque senón a poesía non tería razón de ser
e porque ademais a poesía non ten equivalente
e por tanto non ten prezo,
como o existir de cada individuo vexetal ou animal.
Igual que ocorre co verdadeiro amor,
a poesía nin se compra, nin se vende.
Como o león e como a cebra, a poesía non é unha mascota,
vivindo por vivir, como un leopardo ou como unha cadela
chea de vida insurrecta por moito máis de mil anos.
A poesía respírase ata o fondo.
A poesía vaga errante, imparable, irredutible
coma os cabalos e como as eguas salvaxes.
porque o mundo se dispuxo sen límites
para que nos amásemos nómades.
A poesía vívese
e ademais só en liberdade.
Dicía Lorca que todo artista,
e particularmente se é poeta,
resulta sempre anarquista.
Sexamos, pois, poetas
e liberemos a Terra, contido e continente
con todos os seus seres, dos poderes opresores.
Clímax poético fronte a inferno climático.
Liberación coa xenerosidade do amor
contra a usura do desamor
xa que non hai máis amor que as probas de amor.
E porque así todos os poderes do planeta
desocuparán os seus últimos dominios
definitivamente liberados polo amor vital.
Depuremos a natureza dos poderes
e dos seus ávidos intereses mercantilistas
se queremos que viva,
porque a natureza,
como a poesía,
é esencialmente anarquista.
Isto é o ADN do amor
e tamén da poesía,
e por tanto da vida
que só se dá na natureza:
potencialidade infinita.
Dalo e recibilo todo
sen renunciar a nada.
Saúde e poesía para todo canto hai.
A loita continúa.
O contido desta web está protexido cos dereitos de propiedade intelectual.