O Principal celebra o solsticio de verán coa vangarda portuguesa de Miguel Azguime

Alguén que respira! acolle este ano a un dos artistas portugueses máis inquietantes das ultimas décadas, o compositor, poeta e performer Miguel Azguime, que estrea en Galicia sal itinerary, un dos seus espectáculos máis celebrados, unha refexión sobre a creación e a loucura. Trátase dunha ópera multimedia que xira arredor da linguaxe, da palabra-sentido e da palabra-son, ambas tratadas como dimensións da voz en canto extensión do corpo e totalmente integradas na construción escénica como proxección tanxíbel da resonancia das palabras. Audio, vídeo e procesos electrónicos en tempo real asociados á proxección espacial da voz, da poesía, do xesto, da música e do trazo, concibidos para desenvolver unha polifonía de sentidos, un contrapunto de significados e mais unha exuberancia de emocións.

Azguime –que actúa este 21 de xuño no Teatro Principal de Compostela a partir das 20,30 horas– está acompañado por Paula Azguime [staging & video creation; proxección de son e live-electronics],Presea Mamdillo e André Bartetzki [videoprogramación]. A proposta ten desenvolvemento técnico de Miso Studio.

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará