Tres presentadores de excepción para os faladoiros matutinos con café que celebra o Alguén que respira! polas mañás, a partir das doce. O primeiro dos cafés ten lugar o sábado día 19 con Alberto Mira como protagonista, unha das referencias imprescindibles dos estudos sobre a homosexualidade en España. O encargado de presentalo é Alexandre Fernandez Peón, responsable das redes sociais do festival e unha das figuras de maior personalidade dentro da poesía galega actual. Licenciado en Periodismo, Fernández Peón participou, entre outros proxectos, no volume Dentes para a mazá.
O domingo –día 20– é a quenda de Elizabeth Duval e Daniela Ferrández, que nos últimos anos se convirteron nas grandes pensadoras do feito trans en España e en Galicia. Para presentalas, o Respira! conta coa presenza de Nee Barros (Ourense, 2002), youtuber e escritor que reflexiona na súa obra sobre as opresións vencelladas ao xénero. En 2017 saiu do armario como persoa trans e froito dese proceso (“difícil “, asegura) é a súa peza teatral Identidade.
Xa no luns 21 –Día Mundial da Poesía–, o faladoiro xirará arredor das achegas de Brigitte Vasallo e Paulo Filgueiras, que fará un relatorio sobre a presenza da poesia homoerótica na literatura galega. Para facer a introdución ao acto contaremos coa prezenza de Sara Guerrero, unha das mais esixentes periodistas galegas de temas culturais que publica os seus traballos en El Salto.