O Día Mundial da Poesía rima co do festival Alguén que respira!

II / O poeta e reporteiro Alfonso Armada foi o encargado de escribir o manifesto deste ano, titulado Manifesto fóra de campo ou a guerra é un asasinato

II / O recital inaugural comeza cunha porposta conxunta de María do Cebreiro e Abe Rábade sobre o libro A lentitude

II / A catalana María Sevilla, Gustavo Giménez, Tal Nitzan e André Tecedeiro tamén ofrecerán os seus poemas este 21 de marzo

II / Ao longo de tres xornadas, o festival ofrecerá un programa de alta impacto que se pode consultarse na web alguenquerespira.gal

II / Todas as entradas son gratuítas e poden reservarse na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C

Galicia celebra este xoves 21 de marzo o Día Mundial da Poesía co Alguén que respira!, festival que chega á súa sétima edición no Teatro Principal de Compostela co conflito bélico como eixo temático. Máis de vinte poetas, periodistas, músic*s, performers e especialistas reúnense na cidade durante tres días para ofrecer un programa de alta intensidade onde a palabra, a música e a reflexión abren un espazo propio para construír ámbitos de seguridade fronte ás ameazas.

O escritor e periodista Alfonso Armada foi o encargado de escribir o manifesto que cada ano celebra o Día da Poesía e que lerá ás 19,30 horas no balcón do Teatro Principal compostelán. O programa, porén, comeza ás 12,30 da mañá cun café-faladoiro no que participan o propio Armada e a poeta e periodista Carmen Villar Alonso (na foto).

O recital inaugural comeza ás 20 horas, inmediatamemnte despois da lectura do recital, xa no interior do Principal coa participación de María do Cebreiro xunto a Abe Rábade, Tal Nitzan, María Sevilla, Gustavo Giménez e André Tecedeiro. O programa completo do festival pode consultarse na web alguenquerespira.gal.

Todas as entradas do festival son gratuítas e están dispoñibles para a reserva na web de compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do recital (teléfono 981 571 026).

O programa do día 22 é unha descarga de dor e de esperanza

O programa do día 22 tamén comeza ás 12,30 da mañá no ambigú do Principal con Cristina Sanchez, unha periodistas que cubriu boa parte dos conflitos de oriente próximo, oriente medio ou as revoltas en Libia. Canda ela, Iván Prado, responsable da asociación Pallasos en rebeldía e da escola de pallasos que existe en Gaza.

Xa pola tarde, o recital das 20 horas, co título A palabra percórreme a pel como beliscos de lume, reúne a potente carga emocional da rifeña Karima Ziali (na fotografía), a saharaui Zahara el-Hasnaui, o kurdo Hekin Sefran ou o palestino Mohamad Bitari. Canda eles a andaluza Isabel Martín e o galego Samuel Merino, que percorren os vieiros dos conflitos da identidade e da desigualdade social.

Os versos deste recital non só arrastran polo seu horizonte as sombras de loitas centenarias en defensa da dignidade, senón que afondan na súa dimensión literaria na dor que asolaga o mundo invisible ao outro lado das nosas costas. Estamos ante palabras que estremecen e que nos fan vibrar coa luninosidade da esperanza e a imparable marcha do seu canto.

A xornada do sábado 23

O festival conclúe o sábado 23 co café-faladoiro de Caetano Díaz con Daniel González Palau no ambigú do Principal e o programa Atravesei a cerca –ás seis da tarde– coas voces de Olalla Cociña, José María Cumbreño, Dores Tembrás e Luís López Alonso con Rafael Mallo.

A clausura será na Igrexa da Universidade a partir das oito e media da tarde cun despregamento impactante de música e poesía da man de Guadi Galego con Su Garrido, a rapeira Eskarnia, a cantante do Val de Arán Alidé Sans e o dúo de tecno-poesía valenciano No Poet. Nesde recital tamén lerán os seus versos os estudantes gañadores do Premio Respira!, Aroa Misa García, Serxio Abalo e Claudia Romero Dorna.

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Lara Dopazo en comunicación, Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que se publicou con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.