A terceira edición do Premio de Poesía Respira! para estudantes descubre catro novos poetas: Iris Abril, Ainara Fernández, Vítor Augusto Ramos Pinto e Santiago Ferreiroa. Os catro impuxéronse nas súas respectivas seccións –Universidade, Bacharelato, ESO e Primaria– nunha convocatoria á que se presentaron máis de sesenta traballos. Os seus poemas aparecerán no libro do Respira! que se lles entrega –entre o 20 e o 22 de marzo– aos asistentes aos recitais do Teatro Principal e tamén se poderán escoitar nas súas propias voces o día 21, cando se lles entregue o galardón.
Despois de tres convocatorias, o Premio do festival Alguén que respira! para estudantes parece consolidado, con máis de sesenta traballos a concurso e unha excelente calidade. Pero como todo no festival, tamén vai cambiando e este ano sorprendeu ao xurado –formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, co director do festival, Antón Lopo, como secretario– coa aparición de textos en ucraíño ou chinés. De feito, o gañador no apartado de ESO foi Vítor Augusto Ramos Pinto, un alumno de 3º no IES Neira Vilas de Oleiros que ten unha orixe brasileira e que presentou, precisamente, o texto A vida no Brasil, escrito en portugués.
Iris Abril Teijeira, unha estudante de Grao de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, conseguiu o premio no apartado de universidade e ciclos formativos de segundo grao co poema Natureza morta con vistas á finitude.
Ainara Fernández Sueiro logrou o de Premio de Bacharelato –ela estuda 1º no IES Ramón Cabanillas de Cambados– con O moucho da noite perpetua.
En Primaria, o gañador resultou Santiago Ferreiroa Pena, alumno de cuarto curso no CEIP Curros Enríquez de Ourense co poema Poesía de sentimentos vivos.
No apartado de ESO, Vítor Augusto Ramos Pinto alzouse co galardón por unanimidade do xurado cun poema en portugués titulado A vida no Brasil. Ramos Pinto naceu, precisamente, no Brasil.
Ademais da dotación económica –600€ en universidade, 400€ en bacharelato, 300€ en ESO e 200€ e primaria–, o premio do Alguén que respira! inclúe unha peza de honra que, nesta edición, deseñou a artesá Sesé Vila.