O Premio Respira! xa ten gañador*s: Daniela Rial Estévez, Xurxo González Rodríguez, Amalia Blanco Pose e Daniel Souto Pazó

O I Certame de Poesía Respira! xa ten gañadores: Daniela Rial Estévez do CPI de Cova Terreña en Baiona; Xurxo González Rodríguez do IES Río Cabe de Monforte de Lemos; Amalia Blanco Pose do IES Terra do Xallas de Santa Comba e Daniel Souto Pazó do ETSE da Universidade de Santiago de Compostela. O premio convocouse, dentro do festival Alguén que respira!, co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural. Está organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 O galardón está dividido en catro apartados: Educación Primaria, cunha dotación de 200€, E.S.O. con 300€, Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao con 400€ e, finalmente, Universidade e ciclos formativos de 2º grao con 600€.

Os gañadres lerán os seus poemas en Compostela, no recital colectivo o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. O tema central desta primeira edición foi a ecoposía como ferramenta contra o cambio climático.

Daniela Rial Estévez naceu en 2012 e estuda 5º de Primaria no CPI de Cova Terreña en Baiona. O seu poema leva por título A terra chora.  Xurxo González Rodríguez, pola súa banda, estuda cuarto de ESO no IES Río Cabe de Monforte de Lemos e presentou o poema Spes. Amalia Blanco Pose cursa 1º de Bacharelato no IES Terra do Xallas de Santa Comba e gañou o apartado con Dun mirar de cor verde cremado. Por último, Daniel Souto Pazó estuda Segundo de Enxeñería Informática na ETSE de Santiago de Compostela e o seu poema titúlase Escarnio.

O xurado do certame estivo formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, coordinadora do premio xunto a Antón Lopo, director do festival Respira!. Os poemas gañadores aparecerán no volume 22 ecopoemas contra o cambio climático, que se distribuirá no festival e no que tamén figuran textos de Margarita Ledo, Ismael Ramos, Helena Villar, Arancha Nogueira, Roberto Abuín, Ramón Blanco, Tino de Féliz, Xabier Cordal, Genaro da Silva, Tamara Andrés, Antía Otero, Miro Villar, Rebeca Baceiredo, Iago González, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Olalla Cociña e Clo Plas.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará