Olga Novo escribe o manifesto do Día da Poesía para o Respira!

Olga Novo, a autora de poemarios inesquecibles como Nós nus ou Feliz idade, é a encargada este ano de escribir para o Respira! o Manifesto do Día da Poesía, que lerá desde o Balcón do Teatro Principal o mércores 18 de marzo ás sete da tarde. Con ela comezará a xornada inaugural do festival, que agachará non poucas sorpresas. Alguén que respira!, o encontro co que Compostela celebra o Día da Poesía, chega á súa novena edición e faino coa Memoria como eixo temático. Serán catro días de programación intensa, entre o 18 e o 21 de marzo, onde a poesía convivirá coa música ou coa ciencia para ofrecer unha perspectiva de 360 graos sobre a nosa capacidade de lembrar.