Seis poetas ibéricos no seu equinoccio creativo para o recital ‘+ ou – 21 [anos]’

A xornada inaugural do festival Alguén que respira! comeza o día 21 de marzo ás sete da tarde no balcón do Teatro Principal de Compostela coa lectura do manifestó que escribiu Manuel Rivas, ao que seguirá un recital de forte impacto polos novísimos representantes das distintas linguas peninsulares que se reunirán en Compostela.

O recital terá lugar a partir das sete e media da tarde no interior do teatro, baixo o título + ou – 21 [anos]. Será unha espectacular panorámica de poetas no equinoccio da súa primavera creativa.  Belén Senín (Potecesures, 1999) e Iago González (Vilar de Barrio, 1999) estarán lendo os seus versos pola lingua galega. Polo éuscaro, será Martín Bidaur (Toulouse, 1996); polo portugués, Maria Brás Ferreira (Lisboa, 1998); polo catalán, María Isern (Vic, 1994); e polo castelán Mario Obrero (Madrid, 2003).

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para visibilidade da poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará