David Trashumante [Poesía contra coronavirus]

Cunha traxectoria onde conflúen a oralidade e a literatura, David Trashumante publicou títulos como Parole, parole y otras palabras (2006), Tacto de Texto (2014), A viva Muerte (2016) ou Apenas (2018). Tamén os poemas expandidos Este poema no (2018), xunto a Isaías Griñolo e Avelino Saavedra e Gatopardo al cubo (2018), xunto a Nicolás de Maya e Demian Ortiz. Durante tres anos coordinou con Begonya Pozo o seminario Nuevas prácticas poéticas? da Facultade de Filoloxía, tradución e Comunicación da Universidade de Valencia. Dirixe desde 2016 a colección de poesía oral Palabreadorxs. É facilitador do laboratorio de Creación Poética Bibliocafé e codirector do festival de poesía Vociferio de Valencia. Ademais forma parte da asemblea editora da revista online cajaderesidencia.cc.


 

Carlos Quiroga [Poesía contra coronavirus]

Profesor na universidade de Santiago de Compostela, Carlos Quiroga publicou poesia, novela, teatro, ensaio e obras híbridas, na galiza, Portugal, Brasil e italia. Premio Carvalho Calero de narrativa en dúas ocasións, fundou ou dirixiu revistas como o Mono da Tinta ou Agália. Realizou experiencias no audiovisual (eu-ka- lo, 2005) e na fotografía (saudade / un murmullo intraducible no México). da súa autoría individual son libros como G.O.N.G.(1999), Periferias (1999), A espera Crepuscular (2002), O Castelo da Lagoa de Antela / Il Castello nello Stagno di Antela (2004 só en italia), O Regresso a arder (2005), Venezianas (2007), Inxalá (novela, 2006, 2008 en Portugal), A imagem de Portugal na Galiza (2016) ou Raízes de Pessoa na Galiza. O Pessoa galego (2018).


 

Nieves Neira [Poesía contra coronavirus]

Xornalista de profesión, Nieves Neira Roca é integrante da Fundación Uxío Novoneyra, autor sobre o que escribe unha tese de doutoramento na USC. Codirixe o proxecto editorial Ámboa, que busca crear libros raros e desbordados. Formouse en artes do corpo e do movemento e é integrante da asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, coa que colabora na organización do festival lugués Cartografía en Movemento. Os seus textos poéticos viron a luz en pequenas edicións que fai manualmente e foron collendo alento nos recitais.


 

Chus Pato [Poesía contra coronavirus]

 

Chus Pato é unha das voces máis representativas da poesía galega contemporánea. é autora de once poemarios, publicados entre 1991 e 2019, polos que recibiu varios premios, como o nacional da crítica española e, en dúas ocasións, o losada dieguez, así como o premio Mondoñedo 10. Ademais da súa importante proxección no ámbito anglosaxón, os seus libros foron editados en países como Arxentina, Portugal, holanda ou Bulgaria, e a súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. Participou en distintos e prestixiosos festivais en todo o mundo. no ano 2015, a súa voz foi incorporada ás gravacións da Woodberry Poetry Room de havard, que recolle as palabras de figuras das letras universais como Elizabeth Bishop ou W. h. Auden. Os seus poemas romperon os estereotipos da poesía galega no ano 2000 con m-Talá (2000). O seu libro máis recente titúlase Un libre favor (2019).


 

María Reimondez [Poesía contra coronavirus]

Tradutora e intérprete, escritora e activista, María Reimóndez inzou unha escrita coa que percorre todos os xéneros, sempre dende unha ollada feminista crítica e transformadora. Dende hai varios anos comparte de cando en vez no escenario a xenerosidade creativa de Mercedes Peón, a quen gosta de introducir como personaxe nas súas novelas d’O ciclo dos elementos.


 

Brais Nogueira [Poesía contra coronavirus]

Brais nogueira é xornalista. Formou parte do colectivo Alter Ego e é un recoñecido poeta nos recitais de Poesía e Microrrelato de Compostela e Vigo. Autor do volume Agridulce (2017), Nogueira comezou a escribir por necesidade e atopou na poesía unha canle para falar o que non se pode contar doutros xeitos.

Catro anos pasaron
E a neboa segue aí
Seguen aí os aloumiños pola noite, a escala musical inconclusa

Segue aí,
Como a lembranza de cor vermella e os paxaros do carón da miña casa
Como os fados no Barrio Alto de lisboa, como o meu cerebro en treboada.
Éigual e diferente ao mesmo tempo.
Son soños e realidades dun xeito distinto.
Hobbits bailando na pousada no Poni Pisador.
Todo segue aí pero máis nítido e menos escrito.
Fa sostenido e segue igual
Sol menor e soa igual
unha semicorchea sobre a que danzar dubitativo
Todo segue igual pero eu vou mellor.
Son un retrouso en inglés,
Un intento de galego normativo
E un falar na linguaxe das gaivotas en agosto.


Paulo Maestro [Poesía contra coronavirus]

Paulo Maestro é o actual campión de Poetry Slam Compostela e como tal participou na final de Poetry Slam España, celebrada o pasado setembro en valladolid, onde acadou o noveno posto de entre as 24 sedes oficiais do Estado. É integrante dos colectivos Son Rural (do que é membro fundador) e Ialmas Máxicas. O amor pola poesía apareceu na súa vida durante a infancia, cando lía os significados das palabras no dicionario como se fose un xogo.


 

Diego Horschovski [Poesía contra coronavirus]

Poeta, músico e filósofo, diego horschovski é presentador e organizador de Poetry Slam Compostela, do encontro de Poesía e Microrrelato Compostela e dos eventos de divulgación filosófica Filosofía a Pé de Rúa. Exdirector da que foi a revista filosófica Lume, participou na residencia literaria Ámeto Mítico da Fundación Uxío Novoneyra. Publicou dúas antoloxías poéticas xunto a dezaoito poetas galegas nos anos 2016 e 2017. A poesía, segundo el mesmo defende, é unha ferramenta de comunicación, de memoria e de transformación.


 

Tamara Andrés impulsa ‘Miña poesía meu lar’

O Respira! Web non é a única iniciativa poética que se desenvolve na rede. Estes días, a poeta Tamara Andrés puxo en funcionamento en instagram a entrada Miña poesía meu lar na que xa colgaron os seus vídeos Miriam Reyes, Chus Pato ou Rafa Lobelle. A proposta de Tamara Andrés conta xa con mais de cen seguidoras. A idea veu ao fío dunha acción poética que fixo o ano pasado na Festa dos Libros en Pontevedra con playlist poética agrupadas por temas, de xeito que a xente sentaba nun salonciño e poñíase a escoltar a lista escollida, na que cada autor ou autora recitaba os seus textos. Agora propón colgar en instagram un vídeo que contribúa á difusión da poesía galega e ao acompañamento nas casas durante o confinamento: ler poemas de autoría propia ou allea, ensinar o recuncho de poesía que cadaquén ten na sea casa ou recomendar lecturas poéticas.


Versos e voces que se tocan. Peza sonora colectiva

Cando todo obriga ao illamento, neste Respira! [Poesia contra o coronavirus] propómosvos facer unha peza colectiva. Versos en voces para configurar un corpo sonoro que é memoria e é acción. Voces que se tocan, agora, cando apenas nada se pode tocar. O punto de partida é a peza sonora que Ana Romaní e Chus Silva preparaban para a performance Corpus Literarios do festival. A proposta é esta: facédenos chegar un audio cun verso gravado na vosa voz, poden ser vosos ou de outr*s, inéditos ou publicados, históricos ou víricos. Con eles, crearemos e poñeremos na web unha rede de pezas con versos e voces que se tocan para este corpo que Respira!

As duas pezas sonoras que aparecen aquí son as primeiras da serie:

Podedes enviar as gravacións, necesariamente breves, de soamente segundos, ao correo electrónico: alguenquerespira@gmail.com 


 

Blanca Llum [Poesía contra coronavirus]

Blanca Llum Vidal naceu na Barceloneta, medrou en Casserres (Berguedà) e agora vive no Vall de Moc de Collserola. Sempre que pode fai noite en Felanitx (Mallorca), nun lugar de anarquía e mandas. Cando se matriculou en Bioloxía dixéronlle que era unha mula malferrada, polo que ao seguinte ano comezou Traballo Social e Filoloxía Catalá. Máster de Pensamento Contemporáneo cunha tesiña sobre Blanchot e Lévinas, realizou distintas traducións. Entre outros títulos, publicou La cabra que hi havia, Nosaltres i tu, Homes i ocells, Visca!, Punyetera flor, Maripasoula (crónica dunha viaxe á Guaiana francesa), Aquest amor que no és u / Este amor que no es uno (tradución de Berta García Faet) e Amor a la brega. Aquí reproducimos o poema Amor dels amors, pertencente ao libro Punyetera flor.

 


 

[Poesía contra coronavirus] tamén en Facebook

Alguén que respira! programa unha serie de accións contra o confinamento denominadas [Poesía contra coronavirus] e incluídas no Respira! Web da súa página virtual. Paralelamente, en Facebook, aparecerán vídeos dos e das poetas que estaban incluídos no programa aprazado do festival. O Respira! Web comezou esta mesma mañá con Antón Reixa, que escribiu para a páxina o poema titulado precisamente Virus. Ás once da mañá de hoxe continúa no Facebook coa exhibición de vídeos baixo o lema Poesía antivirus, comezando por María Lado e Rosalía Fernández Rial. A partir do día 20, a web queda aberta para que tod*s podades poñer aquí os vosos poemas.

Contra o confinamento, palabra, liberdade e poesía.

 


 

Eva Veiga [Poesía contra coronavirus]

Desde 1985, Eva Veiga traballou na TVG onde desenvolveu unha polifacética actividade profesional. Dende o 2000, xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez realiza espectáculos co grupo Ouriol. Como actriz, foi a protagonista do longametraxe A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Publicou os poemarios Fuxidíos (1993), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do Teixo (2010), Nesta hora imposible con fotos de Mada Carballeira (2012), A distancia do tambor (2014. Premio Fiz Vergara Vilariño e AELG), Soño e vértice (2016. Premio Concello de Carral e Premio da Crítica española), e Silencio percutido (2016. Premio Cidade de Ourense).


 

Rafa Lobelle [Poesía contra coronavirus]

Cun cromatismo singular dentro das novas voces da poesía galega, Rafa Lobelle acadou os premios Díaz Jácome do Concello de Mondeñedo ou o Avelina Valladares pola que sería a súa primeira obra poética, Andar ás apóutegas (2014), á que seguirian o poemario Física Elemental (unha autoedición ilustrada de 2018) e a plaquette Cotodamina (2019). Ademais participou en antoloxías como Ecos dos poetas de Chantada. No eido da narrativa publicou no 2018 a novela Evanxeos Apócrifos.


 

Beatriz Chivite [Poesía contra coronavirus]

Beatriz Chivite leva máis de trece anos vivindo polo mundo. É na distancia onde empezou a escribir poesía en euskera para sentirse máis preto e para manter unha especie de intimidade coas palabras da infancia. Traballou en embaixadas, museos de marionetas e fes- tivais de cine. Viviu na China, Nepal, Indonesia, Hong Kong, Italia, Reino Unido, Taiwan… As cidades e as súas soidades son as súas musas e os seus poemas intentan reectir un nomadismo privile- xiado. Publicou Metro (2014), Biennale (2017), Pekineko kea (2017) e Mugi/atu poesia liburua (2019). Recibiu, entre outros galardóns, o do Concello de Pamplona 2012, o Ernestina Champourcin de Poesía 2015, o Lauaxeta 2016 ou o Blas de Otero 2017. Aquí reproducimos o poema Home en éuscaro e galego. Tamén se incliúen dous collages da poeta co título Imaxes soñadas nunha cuarentena.

 


 

María Lado [Poesía contra coronavirus]

María Lado é membro do Batallón Literario da Costa da Morte e autora de A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), Nove (2008), Amantes (2011) e oso, mamá, si? (2015) que foi escollido Mellor Libro de Poesía na I Gala do Libro Galego. O seu interese polo teatro e a oralidade levouna a experimentar na poesía escénica a través de diferentes proxectos. Foi unha das creadoras do colectivo Poetas da Hostia e, dende o 2005, mantén con Lucía Aldao o dúo Aldaolado. Entre os seus textos teatrais destaca Anatomía dunha serea, escrito con Iria Pinheiro e premio María Casares. Tamén é autora dos contos para crianzas Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014) e Cinco minutos (2017). No ano 2016 editou a novela xuvenil Entre os dous hai un río (2016).


 

Rosalía Fernández Rial [Poesía contra coronavirus]

Rosalía Fernández Rial dedícase á escrita. Como poeta publicou En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida, títulos que tamén levou á escena con propostas diversas. No ámbito do relato curto destaca a súa pri- meira obra individual, Bonus track (2018). No do ensaio destaca Aulas sen paredes, un libro-DVD sobre unha metodoloxía innova- dora no ámbito da didáctica das linguas que recibiu o Premio á mellor iniciativa bibliográca da Gala do Libro Galego en 2017. É filóloga e doutora en Didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC. Asemade, formouse no ámbito das artes escénicas e musicais.

Antón Reixa [Poesía contra coronavirus]


Membro de Rompente ata a súa disolución en 1983, Antón Reixa publicou con Alberto Avendaño e Manolo Romón Silabario da turbina (1978), A dama que fala (1983) e a antoloxía Upalás (1998). Foi docente de Lingua e Literatura Galega, profesión que aban- donou para iniciar proxectos musicais, televisivos, literarios e ci- nematográcos. Funda o grupo de rock Os Resentidos (1982) cos que produce, entre outros, Fai un Sol de Carallo (1986) e Jet (1990). Colabora con Siniestro Total e forma o grupo Nación Reixa (1995). O seu labor como letrista recóllese en Viva Galicia Beibe. Dirixiu a serie Mareas Vivas e produciu as películas El lápiz del carpintero e Hotel Tívoli. En vídeo é responsable, entre outros, de Salvamento e Socorrismo (1985), Galicia Sitio Distinto (1989) e Ondas Van (2004). Os seus libros máis recentes son Látego de algas (2008), Leccións de cousas (2011) e Michigan/Acaso Michigan, Crónica de 18 días en coma (2018).

 

Virus

Houbo un tempo no que sabía con certeza

Se durante o tempo todo da historia

Eran máis os seres humanos que naceran

Do que os seres humanos que morreran

Hoxe non dou reestablecida esa estatística con tino

Anda un virus polo medio

Porén

Sei que hai cuarentenas que non son de 40

Poden ser de 14

Haberá

Dáme por pensar

Ducias de tres

Ou metros de metro e medio

Non hai medida

Xente solemne falando diante de atrís

Poderían aproveitar para ler Dante en alta voz

Pero falan de virus

Hai estatísticas que comparan o número de graos de area

E o número de estelas no firmamento

Hoxe

Eu querería saber o número de virus que invaden o meu subconsciente de goliardo

Aínda que onte souben que unha célula non morre nunca

Quencendo motores… Empeza o festival Respira! Web

Todo listo para que mañá, día 18, comece o Respira! Web, unha modalidade improvisada para a ocasión polo festival Alguén que respira! como medida de acción contra o confinamiento do coronavirus. Desde está mesma mañá, foron chegando aos puntos de recepción do festival unha serie de materiais que permitirán facer na web unha proposta poética a través de audios e poemas realizados expresamente para a ocasión. Entre ese material exclusivo, figura un poema de Antón Reixa que nos devolve o acume da súa palabra, ou un vídeo do performer Javier Peñafiel, que estivo na primeira edición do Respira! e quixo sumarse á iniciativa. En paralelo á web, a sección Facebook do festival, que desenvolve Alexandre Fernández Peón, vai ir descargando nos próximos días distintos videopoemas. A partir do vinte de marzo, tanto a web como o Facebook quedan abertos para recibir as propostas que todo*s vos desexedes  enviarnos. O coronavirus supón, como xa comprobamos estes días, unha ameaza para a vida pero tamén un risco para a convivencia e os valores culturais. Fronte ao confinamento, propoñemos palabra, liberdade e poesía.