Vós escribides o poema

Visibilizar a cultura nun momento tan sombrío como o actual é un dos obxectivos de Alguén que respira!, o festival de poesía que se desenvolve no Teatro Principal de Santiago de Compostela entre o 19 e  21 de setembro. Aprazado en marzo por causa da covid-19, o respira! cambia o solsticio de primavera polo de outono pero conserva a súa esencia de servir como motor de creación poético, con cinco estreas e a presenza de máis de trinta de poetas.Toda a información do festival pode seguirse na páxina www.alguenquerespira.gal, que cada día inclúe informacións novas.

 

 

A terceira edición do Alguén que respira! chega carregada de emocións e acontecementos, pero tamén de retos e compromisos. Durante tres días e cun programa de recitais excepcionais, o festival busca o máis difícil: romper as barreiras entre público e poetas nunha época de distancias físicas. Fronte aos límites impostos nas relacións sociais pola emerxencia sanitaria o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, Vós escribides o poema, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora a necesidade de afianzar o compromiso do público coa cultura. Os protocolos contra a pandemia do covid-19 establecen aforos reducidos e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e ao público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dunha programación marcada pola sorpresa, as propostas máis arriscadas e a fisicidade, signos singulares dun programa único en Galicia, promovido polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A responsabilidade é grande para a organización e baixo este principio articulouse o respira! baixo as máis estritas medidas de seguridade. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros de seguridade máis esixentes. Tan importante é garantir a protección de participantes e público como visibilizar os encontros culturais nun momento tan sombrío para a cultura como o actual.

Houbo cambios respecto do programa previsto en marzo, algúns significativos, como a suspensión do apartado out, que ía celebrarse en distintos espazos de ocio nocturno da cidade. Así, por vez primeira non se celebrará o slam do respira!. Pero tamén hai suxestivas novidades, como o recital de Lupe Gómez –que leva xa anos sen ler os seus poemas en público– ou a presenza de Ada Salas, unha das poetas que contribuíron a ensanchar os códigos líricos da chamada poesía do silencio. 

A elaboración dun programa propio foi un dos sinais de identidade do Alguén que respira! nas primeiras convocatorias e nesa liña, este ano programouse unha ambiciosa rede de propostas realizadas para o Teatro Principal, ademais doutros espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia, como é o caso da peza de Miguel Azguime con Salt itinery. Poetas, instrumentistas, compositores e compositoras, actores, performers ou videocreadoras ofrécennos os seus traballos de hibridación artística, indagando en linguaxes propias e alleas, arriscándose coa palabra ou co silencio, co ruído ou coa voz, pero sempre en contacto coa indicible condición de asombro e estrañeza que contén a poesía. 

O programa inclúe o sábado 19, a partir das 21 horas, unha homenaxe á recentemente falecida Luz Pozo Garza, poeta que escribiu o manifesto deste ano. A mais da lectura do texto –que realizará Nieves Neira–, proxectarase Luzazul, gravación reeditada especialmente para o festival dunha longa entrevista que a poeta realizou na TVG. Pouco despois terá lugar o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas.

Ese mesmo 19, pero pola mañá, a partir das 12:30, está prevista unha sesión de reguefa con algúns e algunhas das regueifeiras con maior pericia do país, Lupe Blanco, Josiño da Teixeira, Olalla da Prica e Manolo de Burela.

Pola tarde e antes do recital inaugural, preséntase unha proposta singular, proxectada para o festival e realizada polo seu equipo artístico. Na dirección Antón Lopo e Baltasar Patiño na iluminación. A documentación foi de Séchu Sende e o espazo sonoro un deseño de Ana Romaní e Chus Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios. Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel. Charo Lopez, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio Liste, Millán Fernández e Sonia Outes son os performers que nos achegan os seus corpos para a particular lectura.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín que supón o seu regreso á linguaxe poética. A esta peza, que poderá verse o venres ás oito da tarde, súmase a homenaxe que o festival lle rende ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, Fran Cortegoso, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderán escoitarse e verse a case cincuenta poetas, algunhas delas inéditas en Galicia. A poesía en catalán terá unha sesión específica o domingo día 20 pola mañá con André Targa, Pol Guasch e Pau Vadell.

Entre os nomes incluídos no programa, figuran ademais Lara López, María Lado, Rafa Lobelle, Carlos Quiroga, David Trashumante, O Leo ou Rosalía Fernández Rial.

Ada Salas, unha das sorpresas do recital inaugural do sábado 19

Ada Salas, unha das poetas esenciais da poesía española contemporánea, estará no Teatro Principal de Compostela o sábado 19 para participar no recital inaugural do Alguén que respira!, a gran cita anual da poesía en Galicia. O festival, que foi aprazado o pasado mes de marzo por efecto da covid-19, chega ao público para celebrar o solsticio de outono, unha festa tradicionalmente ligada á embriaguez que neste caso terá como principio activo a poesía.

Ada Salas (Cáceres, 1965) intégrase no novo programa do respira! cunha proposta de verso minimalista e escuado, característica que a emparenta para boa boa parte da crítica coa poesía do silencio, practicada por José Ángel Valente. Ela sería a encargada de levar a esixencia conceptual do poeta ourensán a límites áinda máis radicais. A intensidade e o un uso dunha linguaxe propia son elementos que converteu os seus recitais nunha oportunidade única para reflexionar sobre o exercicio da escrita e as experiencias emocionais.


 

Unha edición en dixital para ir facendo oído

Cando o pasado 14 de marzo entrou en vigor o decreto de alarma pola covid-19, só faltaban cinco días para comezar o festival Alguén que respira! A suspensión foi un mazazo que, porén, non fixo quedar inmóbil á organización. Neses cinco días, artellouse unha cadea de colaboracións que permitiu celebrar, entre o 19 e o 21 de marzo, un festival virtual a través da web. Practicamente, a totalidade das poetas e dos poetas incluídos no programa achegaron gravacións ou vídeos que podes escoitar nesta mesma páxina como avance dos recitais físicos que terán lugar a partir do 19 de setembro. Ademais de poemas inesquecibles, atoparás xoias como o poema sonoro de Azguime, vídeos de Miriam Reyes, María Lado ou Rosalía Fernández Rial, e de maneira moi especial, as composicións realizadas por Ana Romaní e Chus Slva coas voces remitidas polos seareiros e seareiras da we. A sección titulouse xenericamente Voces e corpos que se tocan. A repercusión da iniciativa, desenvolvida nun contexto tan complexo e atordoado como os primeiros días de confinamento, foi tal que a páxina acabou abríndose a todos e todas as poetas do país, tracexando así unha cartografía de propostas que aínda hoxe mantén intacta a súa poderosa autoafirmación fronte ao silencio.


 

Do 19 ao 21 de setembro cita co ‘Alguén que respira!’ no Teatro Principal de Santiago

Alguén que respira!, o festival que cada ano reúne en Compostela a algunhas das voces máis impactantes da poesía actual, sube o pano este 19 de setembro –sábado– cun programa de tres días que busca o máis difícil aínda: romper as barreiras entre público e poetas nun momento dde apoteose da distancia. Mentres as barreiras se converteron no elemento característico das relacións sociais a pandemia da covid-19, o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, “Vós escribides o poema”, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora o compromiso do público coa cultura. Os protocolos para combater a pandemia establecen limitacións no aforo e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e ao público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dun programa marcado pola sorpresa, as propostas máis inagardadas e a fisicidade, marcas singulares deste festival único en Galicia.

A responsabilidade, nesta situación, é grande para a organización, que articulou o respira! baixo as máis estritas medidas de seguridade. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros máis esixentes. Tan importante é garantir a seguridade de participantes e asistentes como darlle visibilidade aos encontros culturais nun momento tan complexo para a cultura como o actual.

Estaba previsto que o festival se celebrase entre o 19 e o 21 de marzo, pero foi aprazado a só cinco días da inauguración pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo. O equipo do festival reconstruiu o programa previsto para encaixalo nas novas regulamentacions e de acordo co Concello de Santiago de Compostela –organizador do ciclo co apoio da Xunta de Galicia– cambiáronse as súas datas habituais no solsticio de primavera polas equivalentes no solsticio de outono.

Deste xeito, o Teatro Principal acollerá entre o 19 e o 21 de setembro as voces, entre outros, de Manolo Rivas, Lupe Gómez, Ada Salas, Renato Filipe Cardoso, Beatriz Chvite, Blanca Llum, Celso Sanmartín, Mercedes Peón e María Reimóndez, Rompente, Pau Vadell, Adriá Tárrega, Pol Guash, Miguel Azguime, Lara López, Rosalía Fernández Rial, Rafa Lobelle, Pablo Fidalgo, O Leo, David Trashumante ou Carlos Quiroga.

Do programa previsto para marzo descolgouse o apartado denominado out, que ía celebrarse en distintos espazos da cidade e que debido ás medidas de seguridade sanitaria non poderán agora verse en setembro. Así, por vez primeira non se clebrará o slam do respira! nin tampouco a sesión de micro aberto, ao que estaban convocadas propostas en xermolo da poesía actual galega.


 

A poesía durante a pandemia: os festivais en tempos de coronavirus

O festival ‘Alguén que respira!’ participará nunha mesa redonda sobre os efectos da COVID-19 nos espectáculos poéticos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 DE XUÑO. Organizar, producir e poñer en marcha proxectos culturais nunca foi doado, pero coa chegada da nova realidade derivada da crise sanitaria da COVID-19 volveuse unha tarefa, se cabe, aínda máis ardua. No caso da poesía, existen ademais outros trazos que aumentan a dificultade, posto que se trata dunha arte menos masificada que a música ou o cinema. Por isto, coñecer a situación actual da produción de festivais poéticos en España e realizar un exercicio de análise das alternativas, as necesidades do público e as incidencias loxísticas que implica o novo campo de xogo no que é preciso moverse. Así pois, o festival Alguén que Respira! participará o próximo xoves 25 de xuño ás 20.00 horas na mesa redonda virtual titulada “Festivais de poesia en temps de pandèmia”.

Deste xeito, a través da plataforma telemática Zoom e de Facebook, estudaremos o grao de creatividade na mutación dos formatos para garantir unha asistencia segura ós eventos poéticos e as problemáticas que xorden respecto á libre circulación de poetas nacionais e internacionais. A mesa redonda, organizada polo festival VOCIFERIO e o Consorci de Museus da Comunitat Valenciana, contará tamén coa presenza de representantes da organización doutros festivais de poesía de talle nacional, como son Cosmopoética, Barcelona Poesia, Poetes e Poesia i +. Pola súa banda, o encargado de moderar o coloquio será o poeta e xestor cultural David Trashumante.

O prazo de inscrición xa está aberto, polo que todo aquel que así o desexe poderá solicitar a súa matrícula na páxina web de Zoom. Ademais, para os que non estean interesados en inscribirse pero queiran seguir o evento, poderán facelo a través da páxina de Facebook do Centre del Carme Cultura Contemporània.

Luz inextinguible

Luz Pozo Garza, a poeta que este ano escribiu o Manifesto do Día Mundial da Poesía para o festival Alguén que respira!, faleceu onte luns na Coruña, a cidade na que residía desde finais dos anos oitenta. A morte, porén, non apagará a luz inextinguible da súa poesía, marcada pola veta da sensualidade e a fisicidade ducha revelación mística. O festival, que organiza o Concello de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia, renderalle unha homenaxe especial cando se celebre a súa terceira edición, prevista para o pasado marzo e aprazada pola crise sanitaria do coronavirus.

A poeta, nacida en Ribadeo no ano 1922, percorre case un século de poesía galega, deixando nela a pegada dunha muller que esculca os símbolos ocultos da palabra e da sensualidade. Por momentos, incluso lúe a expresión mística para extraerlle ao poema esa esencia luminosa de quen camiña con firmeza na escuridade do mundo. Poeta en galego desde 1952, cando publica O paxaro na boca, os seus libros desenvolven en paralelo á súa exeperiencia vital a intensidade das súas inquedanzas, en especial a da busca da liberdade e mais do sublime. Luz deu títulos clave da lírica galega contemporánea, como As todas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009) ou máis recentemente Rosa tántrica (2016).

A Real Academia Galega (RAG), da que Pozo Garza era numeraria desde 1996, expresou nun comunicado o seu “fondo pesar” polo falecemento e salienta a súa traxectoria “renovadora, tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir.

Na web da RAG [academia.gal] inclúese un completo percorrido pola biografía dunha poeta que rompeu os moldes da poesía amorosa pero tamén da propia lóxica física, xa que aínda o pasado ano puboicou un libro de vizosa cerca, Pazo de Tor.


 

[Poesía contra aillamento]

Ante os problemas para celebrar en maio o Festival de Brindos da Pobra do Brollón, os organizadores deste popular encontro decidiron artellar unha edición virtual que ampliase a oferta cultural do país durante a crise sanitaria do coronavirus. Agora, esta iniciativa súmase á proposta da web do festival Alguén que respira!, que desde o pasado marzo mantén en aberto a súa páxina  para as iniciativas que supoñan unha acción reivindicativa da cultura, da poesía e da liberdade nunha época de confinamento.

O resultado da proposta é unha serie de brindos realizados por veciños da Pobra pero tamén por recoñecidos brindeiros, entre eles Séchu Sende, que é un dos alentadores do encontro xunto á concelleira de Eventos do municipio, Mónica de Piñeiros. As gravacións poden verse ademais na canle Guimaralia TV, impulsada polo concello e coordinada por Xosé Gago, ademais de facebook, instagram ou youtube.

A tradición dos brindos é paralela á da regueifa, pero vinculada xeograficamente á área da montaña oriental de Galicia, desde a comarca de Lemos ata O Incio, Samos e os Ancares, pasando polo Courel. O brindo, tamén coñecido como birindo, berindo ou loia, eran os cantos de voda. Tanto o brindo como a regueifa foron perdendo co tempo esta vinculación circunstancial e convertéronse en combates poético-musicais de improvisación. Chegaron a estar bastante profesionalizados e ofrecían espectáculos por parellas. As coplas de brindos e regueifas son catro versos octosílabos, rimando os pares (a-b-c-b), aínda que tamén hai tríades (a-b-a).

O último brindeiro popular de Galicia é Atonio Río Montero, de Louzarela, en Pedrafita do Cebreiro. Na Pobra do Brollón, o seu último brindeiro, José Veloso Valcárcel, morreu en 2017 aos 88 anos. El e o seu irmán Álvaro, falecido uns anos antes, formaban unha famosa parella de brindeiros na comarca. Xosé Luís Foxo recolleu no libro Os últimos brindieros de Forgas as súas figuras e o seu traballo. Forgas é unha aldea pendurada na Serra da Trapa, cerca xa do Courel, onde vivían os dous irmana.

Un exemplo de brindo é, precisamente, este de Álvaro e José Veloso recollido en 1989  e titulado Veño de moi largas terras:

Veño de moi largas terras
por fin dei chegado ahora
veño darlle as boas noites
a toda a xente da voda

A toda a xente da voda
tamén lle vou perguntar
a ver se nos dan permiso
pra poderlles berindar

Pra poderlles berindar
ahora estamos na ocasión
a ver si fan o favor
de darnos contestación.

[Estas botábanselle desde fóra]

Válgame Dios de los cielos
Ferrería de Aguilar
tanta xente que hai á porta
que é o que ven buscar

[Agora… contestábanlle os outros cando iban tal…]

Qui é o que ven buscar
i-eu voucho decir ahora
non vimos por cousa mala vimos
por honra-la voda

[Compilador Anxo González. Trascrición, X.L. Rivas e revisión de Sergio de la Ossa]

Respirar xunt*s

O día 22 de marzo pechamos o Respira! Web e tamén o movememento en directo da conta en Facebook, dous instrumentos que concibimos como un desafío á lóxica do desconcerto. Porén, a páxina e mais a conta siguen abertas para reencontramos libremente na confluencia da poesía. Non hai planificación previa nin periodicidades fixas, pero mentres dure a emerxencia sanitaria polo coronavirus, alguenquerespira.gal estará aí, para tod*s.


 

Poesía de resistencia

“Aquí construín o meu imperio e isto deberías sabelo. Tatuei nas mans das niñas fillas os camiños que levan á auga. Non temos deuses. Témonos unhas ás outras”

[Lara Dopazo]


 

Poesía de resistencia

“Polas escouras
do buque, coceñemos a cantidade das súas viaxes,
polas escouras da nosa pel
cantas veces amamos”

[Cristina Peri Rossi]


 

Poesía de resistencia

“No voo cunha partícula
de pó podes recoñecer o acougo da montaña”

[María do Cebreiro]


 

Poesía de resistencia

“Como se aprende a mirar
se o íntimo inunda sempre
as acuosas cristaleiras do mundo?”

[Carlos Lema]


 

Poesía de resistencia

“Arrinca a frecha.
Se se desprende a ferida fecha”

[Ernest Hemingway]


 

Poesía de resistencia

“Incluso ao día seguinte
da tormenta
os pementos son vermellos”

[Matsuo Basho]