Belén Senín [Poesía contra fuxida]

O feito de nacer co cordón umbilical dándolle dúas voltas ao pescozo fixo que, dalgún xeito, o verso insurxente de Belén Senín se defina como un combate. Viviu en Pontecesures ata 2017, cando se trasladou a Compostela para estudar Lingua e Literatura Galegas. Nese mesmo ano gañou o primeiro premio do Certame Díaz Jácome para Novos Creadores. Dende entón colaborou en diferentes publicacións e na antoloxía Dentes para a mazá (2018). O pasado xaneiro saíu á luz o seu primeiro poemario individual, Revoltos anos vinte, da man de Leite Edicións.


 

Pau Vadell [Poesía contra medo]

Poeta, xestor cultural e historiador, Pau Vadell publicou xa unha ducia de títulos, recoñecidos con distintos galardóns: Temple (premio Miquel Àngel Riera 2009), Apèndix city (2010), Carnatge (2012), Sang Cremada (premio Vila de Lloseta 2014), Traït (premio Senyoriu Au- siàs March 2015) ou Terra llarga (2019). Tamén é tradutor e participa en movementos sociais e culturais do ámbito lingüístico catalán. Foi cofundador do colectivo Pèl Capell, fonte da antoloxía Pedra fogueira  Antologia de poesia jove dels Països Catalans (2008). Coordinou o Comitè d’Escriptors Perseguits do PEN Catalán (2013-2014). Actualmente, dirixe AdiA Edicions, coordina as actividades da Casa Blai Bonet. Centre de Poesia e é vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Catalá das Illas Baleares. A súa obra Coas costas dobradas foi traducida ao galego por Gonzalo Hermo.

Pablo Fidalgo [Poesía contra coronavirus]

O primeiro libro de Pablo Fidalgo en galego foi Parangolé (2019), que apareceu despois de publicar La educación física (2010), La retirada (2012), Mis Padres: Romeo y Julieta (2013), Esto temía, esto deseaba (2017) e Crónica de las aves de paso (2018). O seu traballo escénico/poético, que foi presentado en varios países e en parte apareceu en formato editorial no ano 2019 co título Anarquismos/Daniel Faria (2019), centrouse na pescuda sobre a súa memoria familiar e na reconstrución de distintas biografías. Comisariou ciclos de artes escénicas para o Marco de Vigo e a Alhóndiga de Bilbao. Dirixe o festival Escenas do cambio desde o ano 2015 e é comisario do ciclo Anno Zero na Real Academia de España en Roma.


 

María Sánchez [Poesía contra confinamento]

María Sánchez é veterinaria de campo. Colabora habitualmente en radio, medios dixitais e de papel sobre literatura, feminismo, gandería extensiva e cultura e medio rural. Coordina o proyecto Las entrañas del texto, desde o que invita a reexionar sobre o proceso de creación, e Almáciga, un pequeno viveiro de palabras do medio rural das diferentes linguas do estado. En 2019, o padroado da Fundación de Estudios Rurales concedeulle un dos premios Orgullo rural «por ser unha ponte de divulgación do mundo rural», e o INJUVE outorgoulle o Premio Nacional de Xuventude de Cultura por contribuír coa súa poesía «a visibilizar con carácter modélico e innovador a necesidade de manter a vida no agro». Tierra de mujeres (2019), un ensaio que deita unha mirada íntima e familiar ao mundo rural, é o seu último libro. Cuaderno de campo (2017) é o seu primeiro poemario.


 

Homenaxe á poesía de Política Lingüística o 21 de marzo con #aculturasegue

#aculturasegue é o hastag baixo o que a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve estes días unha campaña para celebrar o 21 de marzo o Día Mundial da Poesía. Política Lingüística, que é un dos organizadores do festival Alguén que respira!, promove xunto á Consellería de Cultura da Xunta esta iniciativa, que pretende conmemorar a xornada difundindo un vídeo, de máximo de dous minutos de duración, no que cada persona recite un poema da sea autoría ou doutra persona, e que o difunda a través das súas redes sociais dentro do cancelo #aculturasegue.


 

Versos e voces que se tocan. Peza sonora colectiva [3 e 4]

Fúndense novas voces e combaten o silencio. Non estamos soas/sós. Hai alguén ao teu lado que Respira!. Os versos incorpóranse  á resistencia colectiva. O corpo sonoro constrúese dia a día. Respiracións que se tocan cando apenas nada se pode tocar.

O punto de partida é a peza sonora que Ana Romaní e Chus Silva preparaban para a performance Corpus Literarios do festival.  E nosa nova proposta é esta: achegádenos un audio cun verso gravado na vosa voz. Poden ser vosos ou de outr*s, inéditos ou publicados, históricos ou víricos. Con eles, crearemos e poñeremos na web unha rede de pezas con versos e voces que se tocan para este corpo que Respira!

As duas pezas sonoras que aparecen aquí son a segunda entrega da serie:

Podedes enviar as gravacións, necesariamente breves, de soamente segundos, ao correo electrónico: alguenquerespira@gmail.com


 

Lupe Blanco [Poesía contra coronavirus]

 

Lembrando ao seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o «padriño» da regueifa en Bergantiños, Guadalupe ou Lupe Blanco entrou na regueifa. Creou a súa páxina nas redes sociais Regueifando pola vida e desde o 2016 colabora cunha regueifa semanal en Radio voz Bergantiños, amais de publicar no dominical de La Voz de Galicia edición Carballo. Colabora co proxecto Regueifesta impartindo obradoiros no ámbito educativo, e forma a primeira Escola de regueifeiras na Fundación Pondal (Ponteceso). Está considerada unha das mellores regueifeiras de Galicia pola conservación das tonadas características de Bergantiños.


 

Xosé María Álvarez Cáccamo [Poesía contra coronavirus]

Poeta e crítico literario, Xosé María Álvarez Cáccamo practica tamén a poesía visual e obxectual. Publicou ademais narrativa e teatro. A súa delongada obra poética, con títulos xa referenciais como Praia das furnas, Cimo das idades tristes, o lume branco ou os Cadernos da ira aparece recollida ata o ano 2003 en Ancoradoiro. Obra poética. No ano 2010 editou unha selección, titulada De sombras e poemas que son casas. Antoloxía poética sonora, que inclúe un Cd con poemas recitados polo autor. A súas máis recentes publicacións son a novela as Últimas galerías (2015), A biografía as artes da vida de Ánxel Huete (2017) e o libro de poemas para crianzas Tinta de luz (2017), en colaboración coa súa irmá, a pintora Berta Cáccamo.


 

Noelia Gómez [Poesía contra coronavirus]

Noelia Gómez publicou en libros colectivos como 7 Relatos curtos contra a violencia de xénero (2015), Cultura que une. Ribeira Sacra-Douro(2018) e en revistas como Madrygal ou Dorna. O xiro obtivo, en 2018, o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente. É graduada en Xornalismo e ten un mestrado en Estudos Com- parativos de literatura, Arte e Pensamento pola universitat Pompeu Fabra. En 2015 gañou o torneo de Poesía Recitada Ferve a lingua. Forma parte da antoloxía poética No seu despregar (2016).


 

Quico Valeiras [Poesía contra coronavirus]

Tras estudar filosofía, Quico Valeiras traballou na hostelaría ata que Alicia Fernández e Eduard Velasco lle ceden o testemuño da libraría no proxecto colectivo de Chan da Pólvora, onde impulsou un singular programa de recitais. No ano 2019 publica o seu primeiro poemario, Tempo da cireixa, e participa no macroproxecto Arrincando marcos, que coordina o director de Edicións Positivas, Francisco Macías. O seu desexo, confesa, «é chegar a ter un posto de algodón de azucre propio e dedicarme á venda ambulante».


 

Lara López [Poesía contra coronavirus]

Lara López acaba de publicar o seu segundo poemario, Derivas, unha entrega que chega tras Insectos (2017) e a novela Óxido (2004). Escritora, dj e estudante de Filosofía, está vinculada a RTVE desde hai máis de tres décadas, dirixindo e presentando programas musicais, culturais e informativos de radio e televisión. Na actualidade, cada mañá pódese escoitar a súa voz no veterano Músicas Posibles de Radio 3, emisora que dirixiu durante cinco anos. En RNE, os domingos conduce o programa de literatura e filosofía Venga la Radio.


 

Adriá Targa [Poesía contra coronavirus]

Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universitat de Barcelona, Adrià Targa traballa na educación secundaria despois de cursar o máster de profesorado en Compostela. Publicou tres libros de poesía: L’exili de Constança (2008), Boques en calma (2010; Premio gabriel Ferrater de Sant Cugat), Ícar (2015) e a plaquette Liorna (2015). Tamén traduciu ao catalán Celebración de Gonzalo Hermo ( 2016) e ten algúns poemas publicados en Amors sense casa (2018), antoloxía LGBTQ da poesía catalá. Escribe artículos sobre literatura para distintos medios dixitais como La lectora ou Tarragona Digital.


 

Manuel Rivas [Poesía contra coronavirus]

Manuel Rivas é poeta, narrador, autor de guións e da obra teatral o heroe. O seu primeiro mester, aos 15 anos, foi «meritorio» nun xornal coruñés. Considera o xornalismo «unha póla da literatura», e de aí talvez o título dunha antoloxía das súas reportaxes en castelán: el periodismo es un cuento. Cofundador da revista poética clandestina Loia (1975), as súas primeiras obras de poesía foron o Libro do entroido (1980) e Mohicania (1985). Recibiu o premio leliadoura por Ningún cisne (1990). unha mostra da súa poesía está recollida nas escolmas O pobo da noite (1997) e A desaparición da neve (2009). As súas obras máis recentes son o volume de contos O máis estraño, a novela O último día de Terranova (premio da AELG), os relatos de Vivir sen permiso e outras historias do oeste, o ensaio-manifesto rebelde Contra Todo Isto e a poesía de A boca da terra. É codirector da revista Luzes.


 

David Trashumante [Poesía contra coronavirus]

Cunha traxectoria onde conflúen a oralidade e a literatura, David Trashumante publicou títulos como Parole, parole y otras palabras (2006), Tacto de Texto (2014), A viva Muerte (2016) ou Apenas (2018). Tamén os poemas expandidos Este poema no (2018), xunto a Isaías Griñolo e Avelino Saavedra e Gatopardo al cubo (2018), xunto a Nicolás de Maya e Demian Ortiz. Durante tres anos coordinou con Begonya Pozo o seminario Nuevas prácticas poéticas? da Facultade de Filoloxía, tradución e Comunicación da Universidade de Valencia. Dirixe desde 2016 a colección de poesía oral Palabreadorxs. É facilitador do laboratorio de Creación Poética Bibliocafé e codirector do festival de poesía Vociferio de Valencia. Ademais forma parte da asemblea editora da revista online cajaderesidencia.cc.