O Respira! continúa con vídeos tamén en Facebook

Ademais dos auidopoemas que subimos á web, na páxina de Facebook do festival desenvólvese un fío de videopoemas que coordina Alexandre Fernández Peón. Aí poderedes atopar imaxes que ofrecen a palabra como combate. Poesía antivirus!


 

Miguel Azguime [Poesía contra distancia]

Miguel Azguime caracterízase pola orixinalidade e diversidade do seu traballo, no que funde as súas capacidades como compositor, performer e poeta. Esta fusión reflicte a proximidade das súas inquedanzas cunha visión case mística da música e da arte. En 1985, xunto a Paula Azguime, fundou o Miso Ensemble, un dúo aplaudido pola crítica e o público internacional que o converteu unha das referencias da música contemporánea portuguesa. Colaborou con recoñecidas formacións de todo o mundo e participou nal- gúns dos festivais de música máis celebrados de Europa. No Respira! físico ía estrear en Galicia a obra salt itnerary. Para o Respira! Web creou este poema sonora de impresionante envolvencia.


 

Poesía de resistencia

“Imos plantar unha cerdeira nova.
Temos que darlle esa alegría ao vento.”

[Antón Avilés de Taramancos]


 

Poesía de resistencia

“Ignoramos a nosa verdadeira estatura
ata que nos poñemos en pé”

[Emily Dickinson]


 

Poesía de resistencia

GALICIA viva inda /…/
recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

[Uxío Novoneyra]

Versos e voces que se tocan. Peza sonora colectiva. Equinoccio de primavera [6]

Cando todo obriga ao illamento, neste Respira! virtual [Poesia contra o coronavirus] propuxémosvos facer unha peza colectiva, que é a que imos subindo á web estes días. Versos en voces para configurar un corpo sonoro que é memoria e é acción. Voces que se tocan, agora, cando apenas nada se pode tocar. O punto de partida é a peza sonora que Ana Romaní e Chus Silva preparaban para a performance Corpus Literarios do festival. A proposta é esta: facédenos chegar un audio cun verso gravado na vosa voz, poden ser vosos ou de outr*s, inéditos ou publicados, históricos ou víricos. Con eles, creamos estas pezas sonoras con versos e voces que se tocan para este corpo que Respira!

Esta é a sexta da serie:


 

Poesía de resistencia

Cando os nazis viñeron levar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,

Cando meteron os socialdemócratas na cadea
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata,

cando viñeron buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,

cando viñeron levar os xudíos,
non protestei,
porque eu non era xudío,

cando viñeron buscarme a min
non había ninguén que puidese protestar.

[Martín Niemöller]

Poesía de resistencia

“Deixa que todo pase, a beleza e o terror. Só sigue andando. Ningún sentimento é definitivo”

[Reiner María Rilke]


 

Manifesto de Luz Pozo Garza no Día Mundial da Poesía

Luz Pozo Garza, unha figura que percorre case un século de poesía galega, foi a encargada de redactar este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía, que poderedes atopar na lapela do menú desta web. “Si, existe un centro activo”, escribe Luz Pozo e ese centro é o poema. “Todo quere ascender e concentrarse. Desde o fragmentario que se integra na rosa”.

Luz Pozo deixou na literatura a pegada dunha muller que esculca os símbolos ocultos da palabra e da sensualidade. Por momentos, incluso lúe a expresión mística para extraerlle ao poema esa esencia luminosa de quen camiña con firmeza na escuridade do mundo. Poeta en galego desde 1952, cando publica O paxaro na boca, os seus libros desenvolven en paralelo á súa exeperiencia vital a intensidade das súas inquedanzas, en especial a da busca da liberdade e mais do sublime. Aínda en activo a pesar da súa idade, Pozo Garza deu títulos clave da lírica galega contemporánea, como As todas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009) ou máis recentemente Rosa tántrica (2016).


 

Respira! Web en aberto

Desde a mañá de hoxe estamos subindo os audiopoemas que chegaron á web e ao correo do festival virtual, depois de colgar estes últimos días os audios dos poetas e as poetas que figuraban no programa do festival físico, aprazado de maneira temporal. Tamén incluímos desde esta mañá versos e frases de poetas que reforzan a forza da acción do poema. O Respira! Web é un medio de axudarnos e de afrontar a perplexidade cando os valores da democracia, da cultura e da convivencia están ameazadas por unha emerxencia sanitaria sen precedente na historia. Estar perto, apoiarnos e acompañarnos mutuamente. Aquí atoparades poesía para un tempo de emerxencia, pero tamén poesía para a resistencia. Neste 21 de marzo, dámosvos a voz e seguimos apostando por unha programación cultural que manteña aberta a nosa crenza na liberdade.


 

Poesía de resistencia

“Non hai barreira, fechadura ou ferrollo que podas impoñer á liberdade da mina mente”

[Virginia Woolf]


 

Poesía de resistencia

“Carne de testemuño os veigais estercaba. / Marzo de dous mil vinte, resistimos, que pasa”

[Xosé Luís Méndez Ferrín]


 

21 de marzo. Día mundial da poesía [contra confinamento]

Poesía sonora colectiva / Poesía contra coronavirus / Poesía contra confinamento / Poesía contra silencio / Poesía contra barbarie / Poesía contra fuxida / Poesía contra distancia / Poesía contra medo / O equipo que constrúe a sección virtual do festival Alguén que respira!, o Respira! Web, celebra o Día Mundial da Poesía co maior fondo de poesía sonora que existe nunha páxina en Galicia. Faino nunha situación excepcional para estar más perto nun momento en que semella impensable aproximarse. Perto para apoiarnos e acompañarnos mutuamente. O Respira! Web é unha forma de axudarnos e de afrontar a perplexidade cando os valores da democracia, da cultura e da convivencia están ameazadas por unha emerxencia sanitaria sen precedente na historia. Aquí atoparades poesía para un tempo de emerxencia, pero tamén poesía para a resistencia. Neste 21 de marzo, dámosvos a voz e seguimos apostando por unha programación cultural que manteña aberta a nosa crenza na liberdade. Un día para reunirnos todas e todos arredor da voz que nos sigue impulsando, para experimentar esa enerxía transformadora das ideas que a palabra aglutina.