Poesía popular e ópera de vangarda para un luns de solsticio no ‘Alguén que respira!’

Todo está listo para que a poesía sexa a protagonista en Compostela do solsticio de verán, cun programa que reúne a proposta popular da regueifa e a ópera vangardista Salt itinerary de Miguel Azguime. Estamos ante o festival Alguén que respira!, que celebra este luns 21 de xuño a súa segunda xornada, dentro dun programa deslizante ao longo do ano vinculado a equinoccios e solsticios. Os próximos encontros serán o 21 de setembro e o 21 de decembro.

A xornada comezará ás sete da tarde cos regueifeiros e unha proposta singular de itinerancia polas rúas da cidade. O espectáculo, segundo as previsións, estará pasado pola choiva e por iso a organización do festival preparou cos regueifeiros unha sorpresa especial como antídoto contra os chuzos de punta. Manuel Maseda, a quen o Respira! lle encargou articular a sección, dispuxo dúas parellas que ás 19 horas partirán de dúas prazas, Praterías e Toural. No seu percorrido irán improvisando as súas regueifas ata encontrarse fronte ao Teatro Principal, onde proseguirán xuntos o seu diálogo cantado e xa con instrumentos. Xurxo Souto, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira acompañarán a Manuel Maseda. O acceso é libre.

Desde a súa primeira edición, o festival dedicou unha especial atención ao fenómeno da poesía oral popular, non só á galega senón tamén á vasca e catalá. Porén, esta é a primeira ocasión na que tanto o festival como a regueifa sae do recinto do teatro –sede do Respira!– para buscar a complicidade das rúas.

A segunda proposta do programa será ás 20,30 no Principal, que acollerá un dos espectáculos máis esperados da temporada en Galicia, a estrea de Salt itinerary, unha ópera de vangarda creada polo compositor, poeta e performer Miguel Azguime. As entradas pódense reservar a través da web compostelacultura.gal ou na Zona C. Punto de Información Cultural, na Praza de cervantes, que está aberto este domingo de 11 a 14 horas. Tamén se poden retirar na billtería do propio teatro unha hora antes de que comece o espectáculo.

Salt itinerary é unha ópera multimedia onde Azguime refexiona sobre a creación e a loucura. O seu eixo é a linguaxe –como adoita suceder no traballo deste inquiteante artista–, a palabra-sentido e a palabra-son, ambas tratadas como dimensións da voz en canto extensión do corpo e totalmente integradas na construción escénica como proxección tanxíbel da resonancia das palabras. Audio, vídeo e procesos electrónicos en tempo real asociados á proxección espacial da voz, da poesía, do xesto, da música e do trazo, concibidos para desenvolver unha polifonía de sentidos, un contrapunto de significados e mais unha exuberancia de emocións.

Azguime está acompañado por Paula Azguime [staging & video creation; proxección de son e live-electronics], Presea Mamdillo e André Bartetzki [videoprogramación]. A proposta ten desenvolvemento técnico de Miso Studio.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará