Porque a poesía tamén importa

 

Levamos catro dias convivindo nesta web para celebrar a poesía no escenario más difícil que se puidese imaxinar. E aínda así, logramos superar o silencio e o confinamento, as sospeitas e as figuras escorregadizas nas nos estamos a converter polo medo e a distancia. Durante cuatro días fixemos poesía contra o confinamento e o coronavirus. Construímos resistencia colectiva contra os muros e na nosa vontade está facer efectivo o combate ata que o combate conclúa. “A palabra busca regresar, romper o cerco”, escribiu Pilar Pallarés. Xuntos creamos o maior fondo de poesía sonora que existe nunha páxina en Galicia. Non é traballo dunha ou de dúas persoas, senón vontade comunal: directamente, en medio do confinamento para seguir respirando, axitámonos máis de duascentas voces.

Nunha situación excepcional na que estar perto semellaba unha provocación, chegamos máis perto do que era posible imaxinar. Perto para apoiarnos e acompañarnos. Cando a sociedade enteira se estremece na reclusión, estivemos tamén nos hospitais, nos centros de saúde, nos supermercados, nas gasolineiras, nas granxas, nas leiras, nos talleres, no apoio cidadán, nas oficinas, nas casas onde hoxe mais que nunca abrolla o medo a perder o traballo, porque a cultura tamén importa.

Construímos poesía para un tempo de emerxencia, pero tamén de resistencia. Construímos ámbitos colectivos porque, en medio do estrañamento do presente, seguimos a crer nos valores da democracia, da cultura e da convivencia. Apostamos por unha acción cultural que manteña intactos os principios da liberdade, porque a poesía tamén importa.