O festival Alguén que respira! chega á súa terceira edición cun programa que se amplía en contidos e en espazos a través da sección ‘Respira! Out’, a gran novidade deste ano.
O ‘Respira! Out’ concentrará basicamente as propostas de matiz máis popular, dentro dun proxecto para vincular ao festival os espazos nos que habitualmente se celebran regueifas, slam ou micros abertos. Deste xeito, o Teatro Principal, espazo central do festival, prolóngase con escenarios xa clásicos do circuíto poético, como A Casa do Taberneiro ou o Riquela.
O ‘Respira! Out’ ofrecerá aos espectadores unha completa panorámica de voces e propostas. Na regueifa, Lupe Blanco, Olalla Liñares, Manolo de Burela e Josiño da Teixeira ofrecerán un auténtico alarde de habelencias a través das que son catro das voces máis celebradas do xénero.
No slam, baixo a presentación de Diego Horschovski, participarán Silvia Casal, Brais Nogueira, Nerea Mallo, Paulo Maestro e unha figura de rango xa lendario, Duke Sam.
A gañadora da edición do slam do 2019 recibindo a coroa de vencedora
Por último, na sección de microaberto, que presentará Quico Valeiras, están convocadas, entre outras voces, as da asombrosa Paula Luís (unha das poetas revelacións dos últimos meses en Galicia) ou a impactante Nieves Neira, xunto a Pablo Rodríguez, Noelia Gómez, Belén Senín, Afra Torrado ou Alexandre Fernández Peón, poeta de lírica rompedora que está vinculado de maneria estreita ao festival.
Esta será, sen dúbida, unha oportunidade de familiarizarse coas novas voces da poesía galega ao tempo que o programa se complemente cunha completa nómina de autoras e autores de traxectoria consolidade e apostas radicais.