Samuel Solleiro entra no programa do festival dentro de ‘Atravesei a cerca’

Samuel Solleiro, unha das figuras con maior personalidade da poesía galega actual, únese ao programa do Alguén que respira! dentro da sección Atravesei a cerca –sábado 19 a partir das 18,30. A reorganización dos contidos tras a caída de cartel do artista Miguel Azguime –debido ás restricción impostas esta semana en Portugal– obrigou a desprazar algún recitais e introducir poetas en principio non previstos, como é o caso de Solleiro.

Autor de poemarios de culto como O mundo dos vivos ou Punk, Samuel Solleiro é un autor con sona de loitar contracorrente, posuidor cunha escrita de gume afiado e capaz de irromper na lectura do poema con descargas de inxenio. Os seus recitais son unha prolongación do traballo no grupo Ataque Escampe, do que é guitarrista. Tradutor de profesión, licenciado en Antropoloxía e Filoloxía, Solleiro publicou sobre todo narrativa, xénero no que figuran títulos como Dz ou o libro do esperma (2006) e Gran tiburón branco (2012).