Beatriz Chivite, Antonio Barahona, Chus Pato, Manuel Rivas, Pau Vadell e María Sánchez recitarán no Teatro Principal dentro da programación do festival ‘Alguén que respira!’
‘Alguén que respira!’, a gran cita anual da poesía en Galicia, celebrará o día 19, a partir das oito e media do serán, o seu tradicional recital das linguas ibéricas. Nel participan algunhas das voces máis extraordinarias que actualmente crean en vasco, galego, portugués e catalán, reunidas no escenario do Teatro Principal de Compostela para festexar a poesía a través da palabra e da voz.
Beatriz Chivite
Este ano, a poesía de éuskaro está representada por Beatriz Chivite (Pamplona,1991), muller que logra, a través da sutilidade da sinxeleza e a comunicación dun mundo plural, converter a palabra e o silencio na marca dun territorio persoal emotivamente complexo. Chivite leva máis de trece anos vivindo polo mundo. Na distancia é onde empezou a escribir poesia en euskera, para sentirse mas perto e para manter unha especie de intimidade coas palabras da infancia. As cidades e as súas soedades son as súas musas e os seus poemas intentan reflectir un nomadismo privilexiado. Publicou Metro (2014), Biennale (2017); Pekineko kea (2017), Mugi/atu poesia liburua (2019). Recibiu, entre outros galardóns, o do Concello de Pamplona 2012. O Ernestina Champourcin de Poesia no 2015, o Lauaxeta e 2016 ou o Blas de Otero 2017.
Antonio Barahona
De Portugal chega un poeta sempre polémico e, ao tempo, estraño, que moi poucas persoas teñen a oportunidade de escoitar e que chega ao festival nun dos seus escasos recitais públicos. Trátase de Antonio Barahona da Fonseca, un poeta torrencial que explora os dominios remotos da escrita, sexa a través do misticismo ou da vangarda. Barahona (Lisboa, 1939) viaxou por África, Medio Oriente e a India. Estudou Árabe clásico e Sanscrito. Publicou máis dunha trintena de libros de poesia, convertido xa nunha referencia da literatura portuguesa das últimas décadas. Transcribiu o Bhagavad-Guitá e Upanixad da Grande Floresta. Actualmente dedícase á publicación da Suma Poética, da cal sairá en breve, o noveno tomo.
Chus Pato
A poesía galega chega ao festival con dúas personalidade de gran carácter e longa traxectoria, Chus Pato e Manuel Rivas. Chus Pato (Ourense,1955) é autora de once poemarios, publicados entre 1991 e 2019, polos que recibiu varios premios, como o nacional da crítica española e, en dúas ocasións, o Losada Dieguez, así como o premio Mondoñedo 10. Ademais da súa importante proxección no ámbito anglosaxón, os seus libros foron editados en países como Arxentina, Portugal, Holanda ou Bulgaria, e a súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. No ano 2015, a súa voz foi incorporada ás gravacións da Woodberry Poetry Room de Havard, que recolle as palabras de figuras das letras universais como Elizabeth Bishop ou W. H. Auden. Os seus poemas romperon os esterotipos da poesía galega no ano 2000 con m-Talá (2000).
Manuel Rivas
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é poeta, narrador, autor de distinitos guións e da obra teatral O heroe. Cofundador da revista poética clandestina Loia (1975), a súas primeira obras de poesía foron o Libro do Entroido (1980) e Mohicania (1985). Recibiu o premio Leliadoura por Ningún cisne (1990). Unha mostra da súa poesía está recollida nas escolmas O pobo da noite (1997) e A desaparición da neve (2009). Como narrador obtivo, entre outros, o Premio da Crítica española por Un millón de vacas (1990), o Premio da Crítica en Galego por En salvaxe compaña (1994), o Premio Nacional de Narrativa por Que me queres, amor? (1996), o Premio da Crítica española por O lapis de carpinteiro (1998), e o premio Nacional da Crítica en Galego por Os libros arden mal (2006). As súas obras máis recentes son o volume de contos O máis estraño, a novela O último día de Terranova (premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega), os relatos de Vivir sen permiso e outras historias do Oeste, o ensaio-manifesto rebelde de Contra Todo Isto e a poesía de A boca da terra.
Pau Vadell
De baleares chega o escritor en catalán Pau Vadell (Calonge, Mallorca, 1984), coa súa palabra inflamable e o poder do xesto vindicativo. A súa xenreira polítia e a súa poesía son un poderoso antídoto contra a intransixencia. Editor de AdiA Edicions, xestor cultural e historiador, Vadell publicou xa unha ducea de títulos, boa parte recoñecidos con distintos galardóns: Els últims Temple (premio Miquel Àngel Riera 2009), Apèndix city (2010), Carnatge (2012), Sang Cremada (premi Vila de Lloseta 2014), Traït (premi Senyoriu Ausiàs March 2015) ou Terra llarga (2019). Foi coordinador do Comitè d’Escriptors Perseguits do PEN Catalán (2013-2014) e actualmente coordina as activitats da Casa Blai Bonet. Centre de Poesia, e é vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Catalá das Illas Baleares. A súa obra Coas costas dobradas foi traducida ao galego por Gonzalo Hermo.
María Sánchez
María Sánchez (Córdoba, 1989) leva anos dándolle voz ao silencio, ás terras enmudecidas e ás mulleres acaladas. Veterinaria de campo de profesión, coordina o proxecto Las entrañas del texto, desde o que invita a reflexionar sobre o proceso de creación, e Almáciga, un pequeno viveiro de palabras do medio rural das diferentes linguas do estado. En 2019, o padroado da Fundación de Estudios Rurales concedeulle un dos premios Orgullo rural «por ser unha ponte de divulgación do mundo rural», e o Instituto de la Juventud de España (INJUVE) outorgoulle o Premio Nacional de Xuventude de Cultura por contribuír coa súa poesía «a visibilizar con carácter modélico e innovador a necesidade de manter a vida no agro». Cuaderno de campo (2017) é o seu primeiro poemario. Tierra de mujeres, unha mirada íntima e familiar ao mundo rural, é o seu último libro, un ensaio sobre mulleres e medio rural (Seix Barral, 2019).