Ata catro producións propias se programaron este ano na terceira edición do Alguén que respira!, Festival de Poesía para Corpo Principal que se desenvolverá en Compostela entre o 18 e o 21 de marzo. O festival está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago coa colabroación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A estas catro producións do propio festival, súmanse dúas estreas, a da proposta Que hostia din os rumorosos?, do histórico colectivo Rompente, que presentarán temas novos despois de case corenta anos transcorridos desde a súa disolución, e Salt itinerary, do creador multidisciplinar portugués Miguel Azguime, unha das figuras máis prestistixiosas da performance europea. Entre as producións propias, está o singular proxecto do propio festival Corpus literario, que se desenvolve no escenario do Teatro Principal o vindeiro 19 de marzo a partir das 18:30 da tarde.
Sete participantes, entre eles dúas poetas e unha popular cantante, realizarán Corpus literario sobre o escenario do Teatro Principal. Trátase ducha performance creada polo propio equipo do festival, con dirección de Antón Lopo e iluminación de Baltasar Patiño. Ana Romaní e Chus Silva encargáráonse da realización do esparzo sonoro e no apoio documental contouse co asesoramento de Séchu Sende e o Clube da Lingua-Equipa de normalizaçom lingüística do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.
Para a realización de Corpus literario realizouse unha selección da que saíron os sete participantes, dúas poetas de ampla traxectoria (Charo Lopez e Lupita Hard), unha popular cantante (Pauliña) e catro seareiros das tatuaxes, Sonia Outes, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio Liste e Millán Fernández. Trátase dunha proposta que coloca sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios. Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel.