Está todo listo para que mañá venres, día 18 de marzo, Moisés e Simón –os técnicos do Teatro Principal– levanten o pano do escenario e para que Baltasar Patiño nos sorprenda de novo cos seus horizontes lumínicos. Para que soe a sintonía do festival composta por David Graña e dea comezo a quinta edición do Alguén que respira!, o grande acontecemento poético do ano en Galicia. Serán catro dias cun programa engaiolante articulado, nesta ocasión, arredor do lema Corpos, disidencias, desexo. Entre eses corpos e disidencias que poderemos sentir ata o 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– figuran Paula Luís, Elizabeth Duval, Teresa Moure, Miren Agur Meabe, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní, Claudio Pato, Carlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey, María Callís Cabrera, Marga Tojo, Jesús Castro Yáñez, Miguel Anxo Fernán Vello, Antom Fortes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha traxectoria tan poderosa como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente.
Preparádevos porque comeza o programa máis irresistible que podades imaxinar sobre o debate identitario, coa poesía como elemento aglutinante e tamén con espazo para a reflexión da man de Alberto Mira, Brigitte Vasallo, Daniela Ferrández e Paulo Filgueiras, acompañados por Nee Barros, Alexandre Fernandez Peón e Sara Guerrero. Trátase, sen dúbida, dunha experiencia única no estado.
Toda a información e os detalles da programacion poderedes atopala na web alguenquerespira.gal. Para as entradas, a web de reserva é compostelacultura.gal