Do 19 ao 21 de setembro cita co ‘Alguén que respira!’ no Teatro Principal de Santiago

Alguén que respira!, o festival que cada ano reúne en Compostela a algunhas das voces máis impactantes da poesía actual, sube o pano este 19 de setembro –sábado– cun programa de tres días que busca o máis difícil aínda: romper as barreiras entre público e poetas nun momento dde apoteose da distancia. Mentres as barreiras se converteron no elemento característico das relacións sociais a pandemia da covid-19, o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, “Vós escribides o poema”, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora o compromiso do público coa cultura. Os protocolos para combater a pandemia establecen limitacións no aforo e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e ao público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dun programa marcado pola sorpresa, as propostas máis inagardadas e a fisicidade, marcas singulares deste festival único en Galicia.

A responsabilidade, nesta situación, é grande para a organización, que articulou o respira! baixo as máis estritas medidas de seguridade. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros máis esixentes. Tan importante é garantir a seguridade de participantes e asistentes como darlle visibilidade aos encontros culturais nun momento tan complexo para a cultura como o actual.

Estaba previsto que o festival se celebrase entre o 19 e o 21 de marzo, pero foi aprazado a só cinco días da inauguración pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo. O equipo do festival reconstruiu o programa previsto para encaixalo nas novas regulamentacions e de acordo co Concello de Santiago de Compostela –organizador do ciclo co apoio da Xunta de Galicia– cambiáronse as súas datas habituais no solsticio de primavera polas equivalentes no solsticio de outono.

Deste xeito, o Teatro Principal acollerá entre o 19 e o 21 de setembro as voces, entre outros, de Manolo Rivas, Lupe Gómez, Ada Salas, Renato Filipe Cardoso, Beatriz Chvite, Blanca Llum, Celso Sanmartín, Mercedes Peón e María Reimóndez, Rompente, Pau Vadell, Adriá Tárrega, Pol Guash, Miguel Azguime, Lara López, Rosalía Fernández Rial, Rafa Lobelle, Pablo Fidalgo, O Leo, David Trashumante ou Carlos Quiroga.

Do programa previsto para marzo descolgouse o apartado denominado out, que ía celebrarse en distintos espazos da cidade e que debido ás medidas de seguridade sanitaria non poderán agora verse en setembro. Así, por vez primeira non se clebrará o slam do respira! nin tampouco a sesión de micro aberto, ao que estaban convocadas propostas en xermolo da poesía actual galega.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará